Unha xornada do Consello da Cultura analizará a situación actual da publicidade en galego

En 1995 un estudo revelaba que os directivos das empresas non eran reacios e a empregar o galego nos seus produtos comerciais nin na comunicación corporativa. 17 anos despois, unha xornada pon sobre a mesa a publicidade en galego para coñecer a situación actual desta realidade. Publicistas, empresarios e expertos no ámbito da comunicación publicitaria participarán no seminario A publicidade en galego, que terá lugar mañá, xoves 23 de outubro na sede da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

As fortalezas e debilidades da publicidade no noso idioma son algúns dos temas que centran esta cita que coordinan Xosé López García e Paulino Novo. Este encontro pretende revisar este aspecto da comunicación que é fundamental para a normalización do idioma. E farao desde o punto de vista das empresas, da teoría da comunicación, da publicidade pero tamén da lingua. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación Galicia Empresa.

A xornada
O profesor titular de Historia da Propaganda e da Publicidade na Universidade de Vigo, Alberto Pena, é o encargado de abrir a sesión cun relatorio que ofrecerá unha achega xeral da publicidade no noso país. Os tamén docentes Alberto Dafonte e Benigno Fernández Salgado completarán ese perfil teórico debullando o marco histórico e actual. Os casos prácticos chegan da man da axencia BAP&Conde, multipremiada polas súas campañas de publicidade en galego, representada nesta sesión por Miguel Conde. Compartirá mesa con Francisco Rodeiro, director de Planificación Estratéxica e Modelo de Negocio de R; Antonio Cortés, de Gadisa, e o profesor universitario Alejandro Vázquez.

Antecedentes: estudos previos
Non é a primeira vez que o Consello se achega a analizar o ámbito da publicidade na nosa lingua. De feito, en 1995 publicou un volume pioneiro que abordaba por primeira vez un estudo estatístico da actitude dos consumidores perante o uso do galego na publicidade. Aquela publicación, Publicidade e lingua galega, elaborada por Fernando F. Ramallo e Gabriel Rei Doval, recollía a preocupación dunha parte da cidadanía, nun contexto non habitual. Este traballo deu pé a que o Consello da Cultura, cos mesmos autores e coa colaboración da xa creada Fundación Galicia Empresa, retomase a cuestión desde un punto de vista científico. Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega puxo de manifestou, con entrevistas a empresarios ou directivos de empresas recoñecidas, que a resistencia a unha comunicación publicitaria non estaba nos altos cargos, senón nos postos intermedios.

Consulta na nosa mediateca as publicacións Publicidade e lingua galega e Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega

Outras noticias que te poden interesar: