Unha xornada do Consello da Cultura Galega reivindica o galego como lingua publicitaria

Nos dous últimos decenios constatouse a consolidación da imaxe de marca de Galicia, duplicouse o número de axencias publicitarias, aumentou a calidade e elevouse a confianza e a eficacia no uso da lingua na comunicación publicitaria. Con todo, a crise está a lastrar este sector de xeito notorio. Son algunhas das conclusións que publicistas, empresarios e expertos no ámbito da comunicación publicitaria expresaron no marco da xornada A publicidade en galego, que tivo lugar este serán no Consello da Cultura Galega. A cita contou coa colaboración coa Fundación Galicia Empresa.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Unha xornada do Consello da Cultura Galega reivindica o galego como lingua publicitaria

O número de axencias galegas representan aproximadamente unha cuarta parte do Estado, que apenas supera as 400 en total (en 2010 estaban rexistradas 112 empresas). As estruturas do sector publicitario son moi pequenas e teñen unha gran dependencia do sector público. A radiografía do sector ofreceuna Alberto Pena, profesor titular de Historia da Propaganda e da Publicidade na Universidade de Vigo. Diferenciou o apoio público do privado. No primeiro caso, son “a Televisión de Galicia e a Xunta de Galicia son as institucións que máis invisten en publicidade”, en palabras de Alberto Pena que tamén incidiu na necesidade dun maior apoio institucional. No que atende ao sector privado, afirmou que “é incuestionable a eficacia do galego como lingua publicitaria” como tamén o é que “os anunciantes necesitan investir máis en publicidade”. Para reforzar a súa idea ofreceu o dato do investimento medio en publicidade de 20.000 euros por anunciante, moi por debaixo da media española.
Alberto Dafonte fixo un repaso polos principais anuncios que marcaron fitos na publicidade en Galicia que, na súa opinión, estivo marcada polos prexuízos e que se constituíu nun espello tanto da audiencia como da marca. Unha idea na que incidiu na súa intervención Benigno Sánchez, quen fixo un repaso polo uso do galego na publicidade.

Da teoría á práctica
Os casos prácticos chegaron da man da axencia BAP&Conde, multipremiada polas súas campañas de publicidade en galego, representada nesta sesión por Jose Manuel Díaz Balado. Compartiu mesa con Francisco Rodeiro, director de Planificación Estratéxica e Modelo de Negocio de R; e o profesor universitario Alejandro Vázquez.

Antecedentes: estudos previos
Non é a primeira vez que o Consello se achega a analizar o ámbito da publicidade na nosa lingua. De feito, en 1995 publicou un volume pioneiro que abordaba por primeira vez un estudo estatístico da actitude dos consumidores perante o uso do galego na publicidade. Aquela publicación, Publicidade e lingua galega, elaborada por Fernando F. Ramallo e Gabriel Rei Doval, recollía a preocupación dunha parte da cidadanía, nun contexto non habitual. Este traballo deu pé a que o Consello da Cultura, cos mesmos autores e coa colaboración da xa creada Fundación Galicia Empresa, retomase a cuestión desde un punto de vista científico. Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega puxo de manifestou, con entrevistas a empresarios ou directivos de empresas recoñecidas, que a resistencia a unha comunicación publicitaria non estaba nos altos cargos, senón nos postos intermedios.

Consulta na nosa mediateca as publicacións Publicidade e lingua galega e Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega

Outras noticias que te poden interesar: