NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inaugura Conversas na raia, un programa para reflexionar sobre cuestións comúns con Portugal

Cúmprense 150 anos do Tratado de Lindes de Lisboa, no que se fixaron as actuais fronteiras entre España e Portugal. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho, co apoio da Cámara Municipal de Monção, aproveitan para inaugurar o programa Conversas na raia, no que reflexionarán sobre cuestións comúns. A primeira edición, que se titula “As fronteiras políticas (150 anos do Tratado Espanha-Portugal)” desenvolverase este sábado 25 na localidade portuguesa de Monção.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, é o encargado de abrir a xornada coa conferencia “O iberismos, onte e hoxe”. Seguido del, os profesores universitarios Rubén Lois (da Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Estudos Euro-Rexionais) e Álvaro Domingues (da Universidade do Porto) abordaran o peso da xeografía na fixación das fronteiras. A desembocadura do río Miño e a do río Caya no río Guadiana fixan os lindes actuais entre Galicia e Portugal.

Xa no serán, os profesores José Viriato Capela (Universidade do Minho) e Pegerto Saavedra (USC) falarán dos reinos de Galicia e Portugal na época moderna. Pecha o programa un relatoio sobre as fronteiras contemporáneas, o comercio e o contrabando, a cargo dos profesores Daniel Lanero (investigador Ramón y Cajal da USC) e Dulce Freire (da Universidade de Lisboa). A cita inclúe unha visita ás murallas de Monção.

Conversas na raia
O programa Conversas na raia é unha iniciativa conxunta entre o Consello da Cultura Galega e a Universidade do Minho para abordar cuestións comúns a Galicia e Portugal. Este primeiro encontro ten carácter xeográfico e histórico, pero despois pretenderase afondar noutras temáticas como a música, a antropoloxía, as festas populares… e outras cuestións transfronteirizas.

O Tratado de Lindes
O Tratado de Lisboa fixou a demarcación da fronteira, poñendo fin a séculos de contendas e tamén á máis longa convivencia dos pobos nestes territorios de fronteira. Ademais, serviu para abrir camiño á afirmación do máis extenso centralismo e nacionalismo en Portugal e España.

A experiencia da abolición das fronteiras coa integración de Portugal e España na Unión Europea é unha oportunidade para reflexionar a propósito dos 150 anos do Tratado, o lugar das fronteiras na historia dos pobos e das nacións.

Nota: As horas do programa son polo fuso horario de Portugal (GTM)