NOTICIA

----

A situación actual do teatro amador é obxecto de debate no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organiza este martes unha xornada encamiñada a atender ao teatro amador. Unha parte fundamental do sistema teatral completo que habitualmente non é obxecto de reflexión. Baixo a coordinación de Inma López Silva e de Euloxio Ruibal celebrarase Teatro Amador, unha xornada pensada para reflexionar, dignificar e situalo como parte esencial do tecido teatral galego.

“O teatro amador é o alicerce en que nace e renace ao longo do século XX o teatro galego” explica Inma López Silva, esta especialista en crítica teatral é, xunto con Euloxio Ruibal, a coordinadora deste encontro. A cita, que terá lugar o vindeiro 28 de outubro, pretende situalo no lugar necesario do teatro galego.

A xornada
Dividida en tres mesas redondas, a xornada pretende atender as múltiples facetas que caracteriza o teatro amador. A primeira está encamiñada a coñecer esa faceta do teatro vencellada á arte e ao lecer. Representantes de grupos de teatros históricos como son Ditea ou Airiños, que xuntos suman máis de 130 anos de andaina, xunto coa responsable da Federación Galega de Teatro Afeccionado son os primeiros en abrir o debate.

A seguinte mesa céntrase na produción, difusión e no público. Unha mostra de teatro como a de Cee, o trabalo continuado da Asociación de Amigos do Teatro Jofre ou o Festival Agustín Magán, pensado xa para compañías de teatro amador, ofrecerán a necesidade deste tipo de teatro para a xestación de públicos.

Xa pola tarde, unha mesa que analiza o aspecto formativo deste tipo de teatro. Unha forma de facer canteira para o teatro profesional. Representantes de tres centros públicos que manteñen formación neste ámbito, como son a Escola Municipal de Teatro de Narón ou a Aula de Teatro da Universidade de Vigo/Ourense completan esta sesión.