Unha xornada destaca o dinamismo e a complexidade do teatro amador

Non son profesionais pero desempeñan un traballo e unha organización co mesmo rigor e planificación. Festivais de teatro, circuítos estables, traxectorias que se alongan no tempo, espectáculos por temporada, un programa formativo continuado… son moitas as características que os integrantes deste tecido cultural evidenciaron ao longo da xornada, Teatro amador, que se desenvolveu no día de hoxe no Consello da Cultura Galega. Unha cita que serviu para exhibir a importancia que esta práctica ten para o tecido teatral e o ámbito cultural pero onde cada proxecto teatral é único.

Ditea e Airiños da Terra son dúas compañías profesionais que suman máis de 130 anos enriba das táboas. Responsables de ambas as compañías estiveron presentes na primeira mesa de debate para dar conta das súas traxectorias. Unhas actividades que, alén do feito teatral, son auténticos dinamizadores da vida cultural. Xesús Santos Suárez, do grupo Airiños, fixo un repaso histórico desta agrupación, que durante a ditadura tivo os seus problemas coa xustiza. Deu paso a Esther Carrodeguas, actual directora do grupo, que describiu o modelo. Unha obra anual xunto con proxectos teatrais de pequeno formato (Cantares de Cego, obras de teatro exprés para público familiar por todas as parroquias do concello de Rianxo) e un completo programa formativo convértenos nun referente cultural. Canda eles, Alberte Álvarez expuxo a situación de Ditea, outra compañía que leva activa máis de cincuenta anos e que sentou as bases do teatro profesional. Dous exemplos claros da especificidade e casuística diferenciada de cada grupo de teatro amador, complexidade que complicaría a elaboración dun plan normalizador. Este feito suscitou debate entre o público asistente, por mor da diferente percepción da implicación das administracións nesta realidade.

A capacidade de organización e o volume de xente que mobiliza o teatro afeccionado ofreceuna Chelo Pampillón, directora de Fegatea (Federación Galega de Teatro Afeccionado). Unha sociedade que se formou hai quince anos con sete grupos e que hoxe xa supera os cincuenta. Neste tempo, Fegatea conseguiu establecer circuítos estables, a creación dun festival de teatro amador (o Agustín Magán), cursos formativos e a organización de xornadas.

Outra das ideas que planaron sobre a xornada foi a necesidade deste tipo de prácticas, como un aspecto fundamental para a creación de público. Artur Trillo puxo o exemplo da Mostra de Teatro de Cee, Chelo Pampillón a do festival de teatro Agustín Magán, mentres que Gonzalo Rodríguez Calvo fixo un repaso do traballo feito pola Asociación de Amigos do Teatro Jofre. Entre as principais reflexións desta mesa, destacou o feito da necesidade dunha programación continuada como unha fórmula para ir creando público.

A cita rematou pola tarde, coa análise do aspecto formativo. O debate puxo sobre a mesa as relacións entre o teatro amador e o profesional: de reflexión sobre se o afeccionado serve como de canteira do profesional, e se este serve de formación do primeiro. Representantes de dous centros públicos que manteñen formación neste ámbito, como son a Escola Municipal de Teatro de Narón ou a Aula de Teatro da Universidade de Vigo/Ourense, expuxeron a súa situación.

Outras noticias que che poden interesar