NOTICIA

----

Unha xornada homenaxea a Elena Colmeiro, pioneira da escultura galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá a xornada Espazos da materia Unha cita que xira arredor de Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932) unha creadora pioneira no ámbito da escultura cunha obra chea de liberdade, fóra de modas e modismos, que arrecende un estilo propio. Profesionais da historia, das artes plásticas, do comisariado, dos medios de comunicación e da crítica participan neste encontro que ten unha parte de homenaxe pero tamén de reivindicación da importancia do seu traballo na historia da arte galega. Na cita presentarase unha cartografía (documentación exhaustiva) sobre a súa obra, a xornalista Ana Romaní conversará con Elena Colmeiro e pecha a xornada unha performance da artista Ana Gesto. Con Colmeiro dase continuidade este tipo de xornadas de homenaxe que organiza anualmente a Comisión de Igualdade do CCG.

As críticas e comisarias Natalia Poncela e Chus Martínez son as coordinadoras dunha xornada que pretende visibilizar e, ao mesmo tempo, homenaxear o legado de Elena Colmeiro. “Foi unha pioneira, que comeza moi nova a traballar coa cerámica e, a base de experimentación, desenvolve unha linguaxe moi propia moi ligada ao conceptual” apunta Chus Martínez. Na súa opinión, o traballo de Elena Colmeiro pódese contemplar de moi diferentes partes: desde a historia, desde o ámbito da resistencia ou desde a propia práctica artística. Todas elas son facetas que están representadas no programa desta xornada organizada pola Comisión de Igualdade, que coordina María Xosé Agra, e pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino Manzanares.

O programa: da conversa con Elena Colmeiro á performance
A cita comeza coa intervención de Rosario Sarmiento, directora da colección de arte de ABANCA, que fará un percorrido pola biografía e pola relevancia da obra de Elena Colmeiro. Posteriormente, Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, ofrecerá unha cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta que se publica no Álbum de mulleres) con información exhaustiva de Colmeiro.

O programa conta con dúas mesas de debate. A da mañá, céntrase na actualidade das artes visuais. As artistas Yolanda Herránz, Holga Méndez e Monse Cea, xunto coa profesora Ánxela Caramés son as encargas de achegar ese debate. Pola tarde, as artistas María Xosé Díaz e Chelo Matesanz, mais o artista Caxigueiro e o historiador da arte Miguel Anxo Rodríguez falarán sobre as mulleres e a súa práctica artística. Desta xornada destaca a conversa que manterá a xornalista e escritora Ana Romaní coa propia Elena Colmeiro.
Unha perfomance de Ana Gesto, titulada Antifonía nº1 e que se inspira na obra da propia creadora, poñerá o peche a esta xornada.

Xornadas de homenaxe
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo da Comisión de Igualdade do CCG, coordinada por María Xosé Agra Romero, e que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega. Xoana Torres, María Wonenburger, Olga Gallego, Tareixa Navaza e Mabel Rivera foron as anteriores homenaxeadas.
Nesta ocasión, a cita conta coa colaboración da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, que coordina María Luisa Sobrino Manzanares.

A escultura e a resistencia en Elena Colmeiro
Malia que a obra de Elena Colmeiro loce en numerosos espazos públicos, desde o Mural do antigo aeroporto de Lavacolla, ata na autoestrada do Atlántico, todo o seu traballo pasou bastante desapercibido. En abril deste ano, o Museo de Pontevedra quixo ofrecer a primeira retrospectiva desta creadora que leva décadas de traballo e de experimentación. “A súa obra emprega vivencias, pulsión e experiencias para medir o inquietante que pode ofrecer o material, dándolle forma, rompéndoo e modelándoo, unindo realidade e ficción ata presentar espazos da súa propia materia” explican as coordinadoras desta xornada no folleto de presentación. A súa innovación polos materiais, a valoración dos obxectos tentando explorar sobre os seus significados, e facelo fóra das marxes oficiais da arte do seu contexto, servíronlle a Elena Colmeiro para converterse nunha figura que ofrece un estilo propio á realidade da historia da escultura galega contemporánea.

Con respecto á súa biografía, Elena Colmeiro emigrou a Bos Aires en 1941, onde estudou na Escola Nacional de Cerámica entre 1948 e 1953. Regresou a España en 1955. Desde entón compatibilizou o seu traballo con varias estadías no estranxeiro, como en Oakland, San Francisco; Holanda na Europess Keramisch Werkcentrum; ou en China, no ano 2008. Entre os seus recoñecementos destaca o primeiro Premio da Bienal de Arte de Uruguai (1966) ou a Medalla de Ouro na Exposición Internacional de Cerámica de Farenza (Italia, 1967). Ademais de numerosos espazos públicos, a súa obra está presente en centros e museos públicos e privados como a Fundación ABANCA, o Museo de Pontevedra, o Parlamento de Galicia, e centros especializados na cerámica.