Unha xornada de homenaxe reivindica o espazo de Elena Colmeiro na escultura galega

“A miña é unha obra moi persoal, que non recorda a ninguén nin a nada. É orixinal na medida que ten un significado propio porque sen él esa orixinalidade non serve para nada”. Deste xeito se autodefine Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932), unha creadora pioneira no ámbito da escultura que acaba de recibir unha homenaxe no Consello da Cultura Galega. Baixo o título “Espazos da materia”, esta xornada serviu para lembrar a súa figura pero para reivindicar importancia da muller na arte e na escultura galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Unha xornada de homenaxe reivindica o espazo de Elena Colmeiro na escultura galega

A conversa que a xornalista e escritora Ana Romaní mantivo con Elena Colmeiro, foi o punto máis emotivo dunha xornada que serviu para visibilizar e homenaxear o carácter pioneiro desta creadora. Ademais permitiu situala na historia da arte galega e da creación feminina no noso país. Esta dobre natureza respondía á colaboración entre a Comisión de Igualdade e a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura que fixeron posible esta cita. Con Romaní, Elena Colmeiro fixo un repaso polas características que condicionaron súa liberdade creativa, amparadas polas circunstancias familiares, xa que o seu sogro lle permitiu experimentar na súa fábrica de vidro; pero tamén do uso do materiais (cerámica, refugallo, carburo de silicio…), da linguaxe cerámica e das súas circunstancias vitais. “Non me considero ceramista, traballo con material cerámico da mesma maneira que o fago con outros e me serve para contar algo” afirmou Elena Colmeiro.

O programa: arte e muller
Foi Rosario Sarmiento, directora da colección de arte de ABANCA, quen fixo un percorrido moi visual e extenso pola biografía de Colmeiro. Ademais, o seu relatorio serviu para situala no contexto da arte galega. O aspecto documental chegou da man de Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, quen presentou a cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta), que xa se pode consultar no Álbum de Mulleres.

O programa tivo ademais, dúas mesas de debate que ofreceron unha panorámica da actualidade das artes visuais. Pola mañá foron as artistas Yolanda Herránz, Holga Méndez e Monse Cea, xunto coa profesora Anxela Caramés, fixeron un repaso polo contexto das artes visuais, a arte de resistencia e o feminismo. Na mesa da tarde, conformada polas artistas María Xosé Díaz e Chelo Matesanz, mais o tamén artista Caxigueiro e o historiador da arte Miguel Anxo Rodríguez que abordaron a práctica artística das mulleres.
Ana Gesto, coa súa performance titulada Antifonía nº1, que dialoga coa obra da propia creadora, foi a encargadada de poñer o peche da xornada.

Xornadas de homenaxe
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo da Comisión de Igualdade do CCG, coordinada por María Xosé Agra Romero, e que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega. Xoana Torres, María Wonenburger, Olga Gallego, Tareixa Navaza e Mabel Rivera foron as anteriores homenaxeadas. Ademais, no marco da inauguración da xornada, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares anunciou que a vindeira homenaxeada no 2015 será a fotógrafa viguesa Mary Quintero.

Nesta ocasión, a cita conta coa colaboración da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, que coordina María Luisa Sobrino Manzanares. Chús Martínez e Natalia Poncela foron as coordinadoras desta xornada.

A escultura e a resistencia en Elena Colmeiro
Malia a que a obra de Elena Colmeiro loce en numerosos espazos públicos, desde o Mural do antigo aeroporto de Lavacolla ata na autoestrada do Atlántico, todo o seu traballo pasou bastante desapercibido. En abril deste ano, o Museo de Pontevedra quixo ofrecer a primeira retrospectiva desta creadora que leva décadas de traballo e de experimentación. “A súa obra emprega vivencias, pulsión e experiencias para medir o inquietante que pode ofrecer o material, dándolle forma, rompéndoo e modelándoo, unindo realidade e ficción ata presentar espazos da súa propia materia” explican as coordinadoras desta xornada no folleto de presentación. A súa innovación polos materiais, a valoración dos obxectos tentando explorar sobre os seus significados, e facelo fóra das marxes oficiais da arte do seu contexto, servíronlle a Elena Colmeiro para converterse nunha figura que ofrece un estilo propio á realidade da historia da escultura galega contemporánea.

Con respecto á súa biografía, Elena Colmeiro emigrou a Bos Aires en 1941, onde estudou na Escola Nacional de Cerámica entre 1948 e 1953. Regresou a España en 1955. Desde entón compatibilizou o seu traballo con varias estadías no estranxeiro, como en Oakland, San Francisco; Holanda na Europess Keramisch Werkcentrum; ou en China, no ano 2008. Entre os seus recoñecementos destaca o primeiro Premio da Bienal de Arte de Uruguai (1966) ou a Medalla de Ouro na Exposición Internacional de Cerámica de Farenza (Italia, 1967). Ademais de numerosos espazos públicos, a súa obra está presente en centros e museos públicos e privados como a Fundación ABANCA, o Museo de Pontevedra, o Parlamento de Galicia, e centros especializados na cerámica.


Consulta a Cartografía de Elena Colmeiro (No Álbum de mulleres)

Outras noticias que te poden interesar: