Baixo o titulo de O nacionalismo cultural como proceso comunicativo transnacional: o caso do Celtismo, Joep Leerssen ofrecerá unha conferencia que pretende afondar no papel que desempeña a cultura dentro dos movementos nacionais europeos. Para facelo analizará o historicismo poético e a transmisión das identidades culturais. O primeiro caso concrétase nos xogos florais que se consolidan en diferentes zonas europeas a partir de principios do século XIX, como son Tolosa, Barcelona e A Coruña. No segundo, na transmisión das identidades culturais, tratará de internarse na asociación de Galicia co mito milesiano que se inicia a finais do século XIX na Historia de Galicia de Murguía, na que ofrece un canto á terra galega como morada dos celtas milesianos. Estes exemplos danlle pé a falar de culturas que se transfiren en clave exclusivamente nacional mentres que outras o fan integradas nunha rede europea.
A súa conferencia impartirase en inglés e o texto de partida xa se pode consultar (en inglés e en galego) desde o web do Consello da Cultura Galega.
Sobre Joep Leerssen
A historia intelectual e cultural do nacionalismo en Europa (particularmente o século XIX); a análise crítica, a teoría e a historia dos estereotipos nacionais e interculturais; a historia literaria e cultural de Irlanda; e as relación culturais nas periferias nacionais, zonas de transición e zonas fronteirizas internacionais son algunhas das áreas en que Joep Leerssen investigou na súa longa traxectoria profesional. Agora mesmo é profesor académico e catedrático de Literatura Moderna Europea na Universidade de Amsterdam.