----

O Observatorio da Cultura Galega constata a crise da exhibición cinematográfica en Galicia

Galicia rexistrou en 2013 o peor dato de asistencia ao cine da última década. Foron ao cine 3 millóns de espectadores, que supoñen 800 000 menos que no ano anterior. Esta cifra sitúanos nos últimos postos de España, no mesmo nivel que Castela-A Mancha, Estremadura, Ceuta e Melilla. Son os números do último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo do Consello da Cultura Galega, que toma datos do Ministerio de Educación e Cultura, para dar cifras de produción, distribución e exhibición.

Os datos de exhibición e de distribución cinematográfica confirman unha tendencia que xa se apuntaba en anos anteriores, que o cine en pantalla grande perde terreo. Galicia pasou de 4,2 millóns de espectadores en 2009 a 3 millóns en 2013. Ese descenso é xeneralizado en toda España e común tanto a películas españolas como estranxeiras. Se en total as películas españolas perderon 7,3 millóns de espectadores e 8,2 millóns as estranxeiras, en Galicia a cifra é de 400 000 en ambos os casos.

Por outra parte, o Observatorio constata que, malia a perda de espectadores, Galicia mantivo en 2013 o mesmo número de cines, en total, 38 cinemas. Nese mesmo período, en España pasouse de 841 a 777. Neses salas exhibíronse, en 2013, 454 películas, 22 longametraxes máis que en 2013. Con todo, hai datos negativos sobre a oferta cinematográfica. En Galicia descendeu 1,2 puntos (do 29,1 ao 27,9%) a porcentaxe de películas estreadas.

Os cines galegos recadaron en 2013 case 5 millóns de euros menos, unha perda xeneralizada en todas as comunidades autónomas, que suman 108 millóns de euros menos. Galicia ocupa a sétima posición no tocante aos ingresos por entrada. O OCG destaca, do panorama cinematográfico galego, a diferenza entre o gasto por espectador e o gasto por habitante. A comunidade é a cuarta pola cola en gasto por habitante, 7,2 euros, que supón 3,6 euros por debaixo da media estatal. No entanto, o gasto por espectador supera en dúas décimas de euro á media (6,6 euros fronte a 6,4 euros), situando a Galicia en terceira posición tras Cataluña e Madrid neste indicador, que o Observatorio xustifica polo elevado prezo da entrada. Con 6,6 euros de media, Galicia é a terceira comunidade co prezo da entrada máis alto. Está unha décima de euro sobre a media estatal, só superada por Madrid e Cataluña con prezos de 7,2€ e 6,9€, respectivamente.
O informe fai referencia tamén á suba do IVE cultural ao 21% a partir do 1 de setembro de 2012, que relaciona coa conxelación do prezo das entradas. Ademais, aproveita para lembrar graficamente o IVE para as entradas de cine dos Estados membros da Unión Europea, que oscila entre o 27% de Hungría e o 3% de Luxemburgo.

O documento do traballo do Observatorio da Cultura Galega considera que a dispersión poboacional, o desequilibrio territorial, o prezo das entradas e a crise, que se traduce nun descenso xeral do consumo cultural, están entre as xustificacións da baixada notoria de espectadores.

Produción
O documento de traballo destina tamén un apartado a analizar a produción cinematográfica. Segundo cifras do Ministerio de Educación e Cultura, en Galicia estaban rexistradas, en 2013, 18 produtoras cinematográficas, unha menos que en 2012. Esas empresas, en réxime de produción ou coprodución, realizaron 19 longametraxes en 2013. Unha cifra que revela unha tendencia á alza, que pasou de 7 longametraxes en 2009, a 11 en 2010 e 2011 e a 10 en 2012, para subir notoriamente en 2013. Un feito moi diferente ao número de espectadores e de recadación, que pasou, nese mesmo período, de 2 780 123 espectadores a 29 385. A recadación pasou de 16 996 451,23 a 173 645,83 euros. Un descenso notorio que se xustifica polo éxito comercial do filme galego Cela 2011, que se estreou en 2009 e que, con 2 200 000 espectadores, obtivo case 14 millóns de euros no despacho de billetes.


Descarga o informe aquí