Aberta a inscrición nas xornadas que analizan a figura de Albert Camus e a súa pegada en Galicia

Foi unha das figuras do existencialismo que constituíu un referente de ideas, valores e formas de vida. Os problemas que abordou (a soidade, a culpa, a acción, o nexo entre política e ética…) continúan a ter plena vixencia hoxe en día. As xornadas Albert Camus, que organiza a sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), serven para revisar o ideario e a obra desta figura brillante da modernidade, pero tamén para analizar a pegada que deixaron en Galicia. A cita terá lugar os días 3 e 4 de decembro na sede da institución e xa está aberto o prazo de inscrición.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Jorge Álvarez Yágüez é o coordinador dunha cita que pretende en dous días retomar a personalidade e a obra de Albert Camus a través da ollada de escritores, investigadores, ensaístas e historiadores. Nela afondarase na temática abordada polo autor (a cuestión do sentido ou o sen-sentido, a acción e a decisión, a violencia, o nexo entre ética e política) pero tamén aquilo que caracterizou ao seu autor: o compromiso, o seu papel en Combat, na Resistencia antinazi, a posición fronte ao comunismo e o anticomunismo, a guerra de Alxeria e a súa figura como intelectual.

Sobre Albert Camus
“Máis escritor que filósofo?” Baixo este interrogante Arturo Leyte, da Universidade de Vigo, da comezo o mércores 3 de decembro aos relatorios destas xornadas. Arrinca, así, unha serie de exposicións encamiñadas a abordar aspectos concretos do seu pensamento. Miguel Morey, da Universitat de Barcelona, afondará no mal en Camus; Aberto Moreiras, da Texas A&M University, falará de Camus e a pena de morte, mentres que Francisco Jarauta, da Universidade de Murcia, farao sobre a liberdade.

Na sesión do xoves, a interpetación do resentimento na obra de Albert Camus chega da man de Germán Cano, que vén da Universidad de Alcalá de Henares.

O programa deixa tamén oco para as relacións entre Sartre e Camus, sobre as que afondarán Rosa Rodríguez Magda, directora da Aula de Pensamiento da Institució Alfons el Magnánim (CECEL-CSIC), e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

A pegada de Camus na cultura galega
O programa ten tamén a vocación de coñecer o reflexo galego desa personalidade en que se funden obra e persoa, experiencia e pensamento. Para iso, Damián Villalaín e Carlos Fernández, ensaístas e membros da Sección de Pensamento e Sociedade do CCG, ofrecerán un relatorio titulado “Camus e Carlos Casares”. Canda eles, o escritor Bieito Iglesias, na xornada do xoves, analizará “A literatura galega baixo a influencia dun mal francés”.

Outras noticias que te poden interesar: