NOTICIA

----

Mañá comeza o seminario que estuda por primeira vez os exilios ibéricos en clave comparada

Os exilios ibéricos en clave comparada é un seminario que analiza o fenómeno do exilio en clave contemporánea e, por primeira vez, pon en diálogo os casos catalán, vasco, galego e portugués. O seminario ten ademais outra finalidade, que é a de homenaxear o Consello de Galiza, cando se cumpren setenta anos da súa constitución. A cita arrinca mañá na sede do Consello da Cultura Galega cunha palestra a cargo do seu presidente, Ramón Villares.O seminario poderase seguir en directo a través do sitio web da institución.

O 15 de novembro de 1944, Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Alonso ríos crearon en Montevideo o Consello de Galiza para “gardar, manter e defender a vontade do pobo galego”, tal e como figura na súa acta de constitución. Setenta anos despois, o Consello da Cultura Galega organiza o seminario celebra esta efeméride cun seminario que aborda os exilios políticos de xeito comparado, centrándose nos casos vasco, catalán, portugués e galego. A cita pretende ser unha contribución á memoria cultural e política do país.

Os exilios a análise en tres seccións
O programa divídese en tres seccións. A primeira pretende situar o debate no terreo teórico. Nela estará presente Fernando J. Devoto, da Universidade de Bos Aires, que falará das nocións, ideas e problemas das figuras dos exiliados e dos emigrantes. Canda el, Xosé Manuel Núñez Seixas, da Ludwig-Maximilians Universität en Múnic, situará os exilios entre a historia política e a historia transnacional. Pecha esta sesión Pablo Yankelevich, do Colexio de México, cun relatorio titulado “Experiencias de exilio na historia recente de América Latina”.

A segunda sección ofrecerá unha ollada transversal sobre os exilios. Para facelo estará Andrea Acle-Kreysing, da Ludwig-Maximilians Universität en Múnic, que falará de exiliados europeos e a cultura antifascita na Cidade de México e Bos Aires. Desde a Universitá degli Studi diVerona chegará Federica Beragna, quen exporá o relatorio titulado “O exilio de nazis, fascistas e colaboracionistas logo da Segunda Guerra Mundial”. Pecha esta sesión Víctor Santidrián Arias, da Fundación 10 de Marzo, que abordará o caso galego dentro do exilio comunista internacional.
A última mesa, que terá lugar na sesión da mañá do sábado, é a que permitirá coñecer os exilios ibéricos. Do caso portugués falará Víctor Pereira, da Université de Pau et des Pays de l’Adour.; do vascos farao Óscar Álvarez Gila, da Euskal Herriko Unibertsitatea, e do catalán explicarao Ángel Duarte, da Universitat de Girona. Canda eles, Emilo Grandío, da Universidade de Santiago de Compostela, abordará o caso galego, tomando como exemplo a figura de Salvador de Madariaga.

A actividade na traxectoria do Consello da Cultura Galega
A realización deste seminario, que pretende homenaxear os setenta anos da creación do Consello de Galiza, sitúase nunha liña de traballo do CCG de ocuparse da Galicia do exterior. Unha acción en que desenvolve un papel moi destacado o Arquivo da Emigración Galega, que leva desde o ano 1992 traballando como un centro de documentación, investigación e difusión referencial no ámbito da emigración e do exilio

Nesa estratexia encádrase a edición do poemario Pranto matricial, que Valentín Paz-Andrade dedicou á memoria do “irmán Daniel”. Máis recentemente no tempo, no mes de xuño tiveron lugar varios actos conmemorativos doutra efeméride, a primeira edición de Sempre en Galiza, que se presentou o 2 de xullo de 1944 no salón do Prince George´s Hall de Bos Aires. Este ano tivo lugar un acto institucional no Parlamento galego, no que se presentou unha aplicación para dispositivos móbiles que consiste na edición dixital aumentada do texto e mais contidos adicionais (estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.), e se fixeron lecturas colectivas do texto.