----

A exposición "O sorriso de Daniel" pode verse na Universidade Nova de Lisboa e na Delegación da Xunta en Bós Aires


<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2007/12/compodaniel.jpg" alt="algúns dos paneis da exposición" />

<em>Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2008.</em>- A exposición “Galicia, o sorriso de Daniel”, promovida polo Consello da Cultura Galega, foi inaugurada hoxe na Reitoría da Universidade Nova de Lisboa, onde poderá verse ata o 15 de febreiro. O acto estivo presidido polo Presidente do Consello, Ramón Villares, a quen acompañaron o Reitor da Universidade Nova, antónio Manuel Bensabat, o Director do Instituto Cervantes en Lisboa, Ramiro Fonte, e a Directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova, Graça Videira Lopes.
<!--more-->


A mostra, de gran forza visual, ten como referentes as figuras do profeta Daniel do Pórtico da Gloria e Daniel Castelao, autor de “Sempre en Galiza, e foi deseñada para dar a coñecer a realidade e a diversidade da cultura galega nas súas distintas e plurais manifestacións. Trátase de “espallar esa realidade, a dunha nación-cultura, e de promover o diálogo con outras culturas, facendo da diferenza un valor e non unha limitación”, en palabras de Ramón Villares., presidente do CCG.

“O sorriso de Daniel” presentouse en 2004 en Barcelona, no marco do Forum das Culturas. Do 20 de marzo ao 20 de abril do ano en curso puido verse, anovada e actualizada, na sede do Instituto Cervantes en Salvador de Bahía-Brasil, onde foi visitada por seis mil persoas, nomeadamente estudiantes de secundaria e universitarios. Posteriormente, o 24 de maio, instalouse en Sao Paulo (Brasil) na institución coñecida como “Memorial do Imigrante”, onde durante algo máis dun mes recibiu a visita dunhas quince mil persoas. Do 20 de novembro ao 20 de decembro estivo no Salón Medieval da Reitoría da Universidade do Miño en Braga (Portugal)
Desde o 15 de decembro pasado outra versión da mostra pode verse na Delegación da Xunta de Galicia en Bós Aires, onde permanecerá ata finais de marzo.

IDENTIDADE E UNIVERSALIDADE

Organizada dun xeito fundamentalmente visual -ideas e imaxes, música e palabras- na procura da interactividade co espectador, a exposición, permite un percorrido desde os tempos prehistóricos ata a actualidade. O obxectivo é dar a coñecer o pasado, pero sobre todo presentar a riqueza e a diversidade da Galicia actual, colectivamente construída, ben nos aspectos culturais e institucionais, ben nos económicos ou sociais. Un obxectivo que pasa pola fixación das dúas grandes liñas da cultura galega: a da súa identidade e a da súa universalidade, “nun diálogo fecundo co mundo de hoxe, ao que
nunca renunciou a mellor tradición cultural de Galicia”, na expresión de Ramón Villares, presidente do CCG e director da exposición.
Identidade e universalidade son os vectores da mostra e das dúas figuras, desemellantes e emblemáticas, que describen o seu fío argumental. O sorriso do profeta Daniel, esculpido polo Mestre Mateo no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, é o primeiro visualizado na Europa medieval, unha proxección de Galicia no universo do século XII, época dourada de Compostela como centro cultural e de peregrinación, como final de traxecto do Camiño de Santiago.

Como contrapunto desa figura bíblica, dese sorriso, aparece Daniel Castelao, un “santo laico”, segundo a observación de Wenceslao Fernández Flórez. O autor de “Sempre en Galiza” é o protagonista do máis sólido esforzo por construir a identidade cultural e política galega na primeira metade do século XX, “cando Galicia adquire unha conciencia de seu e crea unha alta cultura de influencias tanto europeas como americanas, pero tamén cando millóns de galegos inzan os camiños da emigración e, algúns, do exilio”, precisa R. Villares.

CINCO BLOQUES TEMÁTICOS

Proxectada con carácter itinerante e dirixida aos galegos residentes fora de Galicia e aos non galegos interesados pola cultura de Galicia -unha das misións do CCG é xustamente a de espallar a nosa biodiversidade cultural- a exposición “Galicia, o sorriso de Daniel” estructúrase en cinco grandes bloques temáticos: o espazo físico e humano; a evolución histórica, lingüística e literaria; os ámbitos de producción tradicional e a cultura nos que agroman; os novos eixos económicos e institucionais -nomeadamente os autonómicos- sobre os que se proxecta o futuro e, por último, a condición de Galicia como “porto e porta”, en relación aos procesos de mestizaxe cultural, dos que son ben representativos o Camiño de Santiago, tan influínte en Galicia como en Europa, e os fluxos migratorios, tan determinantes para a evolución de Galicia nos últimos séculos.
Os epígrafes -augas santas, a morada do home, figuras da nación, os traballos e os días, cheirando a frescura, cara á modernidade, Galicia no mundo, eixos do futuro, porto e porta e o camiño- subliñan esa estructura expositiva e describen unha realidade, froito dunha demorada decantación histórica. Unha realidade que, lonxe de ser concibida dunha forma esencialista e inmanente, contémplase e propónse aberta a mudanzas rápidas no inmediato porvir. Mudanzas derivadas dos cambios sociológicos e, particularmente, da homoxeneización cultural que caracteriza o mundo occidental europeo.

PLURALIDADE ESPAÑOLA E IBÉRICA

“Galicia, o sorriso de Daniel. Unha presentación da cultura galega”, é unha síntese dunha riqueza construída colectivamente, unha expresión da biodiversidade cultural e un soporte esencial para a percepción actual da identidade de Galicia, quérese dicir, unha das pólas da variedade cultural ibérica, coa vantaxe da súa proximidade ao mundo luso-brasileiro. É tamén unha aposta decidida polo diálogo intercultural e pola permeabilidade fronte a outras culturas, europeas e americanas. Unha iniciativa, xurdida dunha institución pública, pero non partidaria nin gobernamental, que deberá propiciar “a apertura de camiños de entendemento na pluralidade cultural española e mesmo ibérica”, afirma Ramón Villares.