----

O Observatorio da Cultura Galega constata a boa saúde do asociacionismo en Galicia

Un 23,6 por cento dos galegos participan ou colaboran nalgún tipo de asociación ou organización, unha porcentaxe que está por riba da media estatal e europea. As cifras do documento de traballo “A cultura e as entidades sen ánimo de lucro”, que elabora o Observatorio da Cultura Galega, servizo do Consello da Cultura Galega, desvelan un sector vizoso e moi activo.

Tres son os piares en que se asenta o último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG): o grao de asociacionismo na sociedade galega, a recompilación de datos estatísticos básicos sobre as entidades asociativas sen ánimo de lucro e as diferentes vías de financiamento destas. Baseándose isto, tras peneirar en fontes oficiais (rexistro de asociacións e convenios da Xunta de Galicia, os Diarios Oficiais, o Instituto Galego de Estatística e o Boletín Oficial das provincias), fai referencia a unha realidade en que participan o 23,6% dos galegos. Unha cifra moi positiva por varias razóns: dunha banda, porque está por riba da media europea, e da outra, porque é o resultado dunha tendencia á alza que arrincou en 2002, cando só colaboraba o 12% dos galegos.

As fundacións
En Galicia existen 570 fundacións, unha cifra que sufriu un incremento sostible desde o ano 2008, inicio temporal deste documento de traballo. A maior parte delas (270) sitúanse na Coruña, seguidas de Pontevedra (158), Ourense (73) e Lugo (68). E tamén a maior parte delas son de ámbito cultural. En total 157 fundacións inscritas teñen este ámbito de actuación.

As asociacións
O día 31 de decembro de 2013, había en Galicia rexistradas 31 716 asociacións, 1,1 por cada cen habitantes. A maior parte delas son provinciais, é dicir, teñen circunscrito o seu ámbito de actuación a unha provincia. Con respecto ao que se dedican, a maior parte delas son culturais, seguidas doutros eidos (asociación de veciños, xuvenís, deportivas, creativas, de mulleres…). O documento de traballo tamén analiza de xeito temporal estas entidades desde que, en 1964, ao abeiro da Lei 191/1964, se empezaron a rexistrar. Desde entón, o número non parou de medrar. Foi en 2008 cando máis entidades se inscribiron, ao rexistrarse 469 novas.

Emprego e financiamento
O DT-OCG revela que, desde o punto de vista do emprego, as actividades asociativas tiñan 6837 asalariados en outubro de 2014 en Galicia, o que supón un 0,75% do total do emprego. A evolución amosa una tendencia á baixa nos últimos anos, algo peor que o conxunto do emprego.

As vías de financiamento deste tipo de entidades son basicamente dúas: fondos propios (cantidades que achegan os seus socios) e fondos alleos que lles conceden entidades públicas e privadas. Con respecto ás entidades públicas (Xunta de Galicia e Deputacións), as fórmulas administrativas empregadas son principalmente dúas: convenios e subvencións. En 2013, recibiron por esta vía 2 224 353 euros, cifra que está moi lonxe dos 5 868 961 euros que recibiron en 2008. O Observatorio cifra nun 62% o recorte entre ese período analizado.

No que respecta ás subvencións, son as asociacións as que absorben as contías máis elevadas das axudas económicas da Administración pública. Dentro delas, recibiron máis fondos as que se encargaron das actividades culturais, seguidas das de equipamento e melloras de locais. Un 81% do montante destas axudas destinouse á comunicación e difusión, unha ampla categoría que abrangue dende información, formación, orientación e representación, pasando por edicións e publicacións, ata distribución e organización de exposicións. O equipamento e sostemento das sedes, centros ou infraestruturas das entidades ocupa a segunda posición.

No que ten que ver cos convenios, apréciase unha tendencia á baixa do número de convenios asinados pola Administración (dentro desta, encabeza a listaxe o departamento que asume as competencias de cultura, Consellería de Cultura e Deportes na VII lexislatura e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na VIII). Dos 167 convenios que a Xunta asinou entre 2008 e 2013, o 46% foi con fundacións, seguido de asociacións (27%) e de federacións (11%). Son os ámbitos literario e o de artes escénicas e musicais os máis beneficiados e, detrás deles, o de patrimonio documental e bibliográfico, patrimonio histórico-artístico ou cinematográfico.


Descarga o DT A cultura e as entidades sen ánimo de lucro