----

O Plenario do Consello da Cultura Galega aproba o calendario de actividades para 2015

Unha xornada sobre os desafíos da cultura galega no marco da Axenda 2020, unha exposición que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos e outra sobre a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración son algunhas das actividades centrais do Consello da Cultura Galega (CCG) para o vindeiro ano 2015. Así o acordou o plenario nunha xuntanza ordinaria celebrada este serán (19:00 horas) na sede da institución. Canda a un total de 25 actividades entre xornadas, simposios e seminarios, aprobouse o proxecto de orzamentos e debateuse o establecemento de dous protocolos (“foros de conciliación” e “conferencias de consenso”) para mediar en conflitos de índole cultural e patrimonial.
O Plenario do Consello da Cultura Galega aproba o calendario de actividades para 2015

O orzamento do Consello da Cultura Galega para o ano 2015 ascende a 2 374 447 euros, o mesmo importe que en 2014. Unha cifra continuísta que defendeu o presidente no Parlamento a principios deste mes de novembro e que permite un calendario completo de actividades, que da un total de 25 citas entre xornadas, simposios e seminarios. Ademais, haberá exposicións de produción propia e novos destinos para as mostras elaboradas en anos anteriores, nas que gardará especial importancia a colaboración con outras entidades.

Calendario de actividades
Para 2015 está prevista a realización dunhas xornadas que afonden na idea dos desafíos do ecosistema cultural galego no marco da Axenda 2020. Nesta cita abordaranse aspectos como as políticas culturais, o programa comunitario Europa Creativa, os retos do mecenado ou a cultura e a comunicación na rede. No vindeiro ano, o Consello da Cultura Galega promoverá dúas grandes exposicións: unha que permitirá reflectir a cultura galega en cen obxectos e outra que documentar a imaxe do país a través das revistas ilustradas da emigración. En 2015 haberá tamén unha nova edición dos concertos promovidos pola institución: tanto o das Letras Galegas, como a cita que xunta poesía e música titulada No bico un cantar que homenaxeará a Ramón Cabanillas e terá lugar no mes de xuño en Cambados. Ademais, haberá novos destinos para as exposicións producidas pola institución en anos anteriores. Neste sentido, en colaboración co Instituto Cervantes as exposicións “Os adeuses” e “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido” estarán en Brasil, Portugal, Italia e outros destinos da península.
Durante o vindeiro ano, o Consello da Cultura Galega traballará para acoller, en 2016, a xuntanza anual da Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI). Nesta liña de traballo de acción exterior, durante a sesión plenaria, felicitáronse pola aprobación definitiva do Foro Galician Language, Literature and Culture (LLC) no seno da Modern Language Association (MLA), a maior corporación académica do mundo no ámbito das linguas, literaturas e culturas. Con esta decisión, apoiada polo CCG desde o nacemento da proposta hai dous anos, a lingua, literatura e cultura galegas intégranse no organigrama desta entidade en pé de igualdade coas demais linguas, literaturas e culturas do mundo.

Actividades arredor de Filgueira Valverde, Día das Letras Galegas 2015
En 2015, a figura elixida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas é Xosé Fernando Filgueira Valverde, quen foi o presidente desta institución entre 1990 e 1996. No marco da liña de publicacións arredor desta data, o Consello da Cultura Galega reeditará a súa obra Os nenos. Trátase do seu primeiro traballo narrativo que está conformado por unha serie de textos breves nos que cada protagonista evoca incidentes da súa nenez. Ademais, o CCG acometerá os traballos de dixitalización do seu epistolario.

Documentos de consenso
No marco da función asesora fixada pola súa lei de creación, o plenario do Consello da Cultura Galega debateu este serán dúas formas de traballar para procurar a mediación de conflitos de ámbito cultural e patrimonial.

Decálogo de traballo
A liña de traballo de 2015 insírese no marco descrito polo decálogo presentado no Parlamento por Ramón Villares tras a súa reelección, o pasado mes de maio. O decálogo sintetiza as propostas estratéxicas que asumirá a institución entre 2014 e 2018, último mandato de Ramón Villares. A colaboración institucional, a busca de novos públicos para a cultura galega, unha maior diversificación das actividades, con novos formatos e unha maior descentralización para chegar a ámbitos locais. Canda eles destaca a acción exterior, que tamén se concreta en xerar produtos para a internacionalización de cultura galega.

A presenza da cultura galega na rede será outro dos grandes eixes de traballo, que se concreta en varias propostas do decálogo: na etiquetaxe dixital da cultura galega; a recuperación e dixitalización da documentación particular e a edición de obras de referencia na rede. A elaboración do Plan Director do Patrimonio Cultural no exterior e situar Galicia no contexto europeo, que será o eixe de traballo para 2015, completan as liñas dese decálogo.