Mañá comezan as xornadas que estudan a importancia de Albert Camus e a súa pegada na cultura galega

“Albert Camus é un dos homes que mellor pensou o século XX e cómpre facer balance do impacto vital que a súa obra deixou, e que permite coñecer tamén un século en que houbo dúas guerras mundiais, unha posguerra…”, Jorge Álvarez Yágüe traza así o perfil desta figura do existencialismo que dá título a unhas xornadas da Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) que comezan mañá. A cita, da que Álvarez é coordinador, analizará a vixencia do ideario e a obra desta figura clave do existencialismo, pero tamén a pegada que deixou na cultura galega. Non quedan prazas pero pódese seguir en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Jorge Álvarez Yágüez é o coordinador dunha cita que pretende durante dous días retomar a personalidade e a obra de Albert Camus a través da ollada de escritores, investigadores, ensaístas e historiadores. Nela afondarase na temática abordada polo autor (a cuestión do sentido ou o sen-sentido, a acción e a decisión, a violencia, o nexo entre ética e política) pero tamén aquilo que caracterizou ao seu autor: o compromiso, o seu papel en Combat, na resistencia antinazi, a posición fronte ao comunismo e o anticomunismo, a guerra de Alxeria e a súa figura como intelectual. “Albert Camus é un home que representa toda unha vida, que estivo na resistencia francesa, moi comprometido coa liberación de Alxeria, que foi unha referencia vital para as xeracións dos anos cincuenta e sesenta, pero que deixou ecos tamén para os setenta” apunta Álvarez Yágüez.

Sobre Albert Camus
“Máis escritor que filósofo?” Baixo este interrogante Arturo Leyte, da Universidade de Vigo, dá comezo o mércores 3 de decembro aos relatorios destas xornadas. Arrincan así unha serie de exposicións encamiñadas a abordar aspectos concretos do seu pensamento. Miguel Morey, da Universitat de Barcelona, afondará no mal en Camus; Aberto Moreiras, da Texas A&M University, falará de Camus e a pena de morte, mentres que Francisco Jarauta, da Universidade de Murcia, farao sobre a liberdade.

Na sesión do xoves, a interpetación do resentimento na obra de Albert Camus chega da man de Germán Cano, que vén da Universidad de Alcalá de Henares.

O programa deixa tamén oco para as relacións entre Sartre e Camus, sobre as que afondarán Rosa Rodríguez Magda, directora da Aula de Pensamiento da Institució Alfons el Magnànim (CECEL-CSIC), e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

A pegada de Camus na cultura galega
O programa ten tamén a vocación de coñecer o ronsel deixado por esta figura fundamental do século XX na cultura galega. Damián Villalaín e Carlos Fernández, ensaístas e membros da Sección de Pensamento e Sociedade do CCG, fano vinculando a súa pegada a un autor concreto, como é o caso de Carlos Casares. Pola súa banda, Bietio Iglesias faino desde un punto de vista máis xeral, desde unha perspetiva ampla que abrangue a toda a literatura galega. Xesús Alonso Montero é o representante dunha época que viviu moi de preto a problemática entre Camus e Sartre, e que tomou partido no conflito entre ambos.

Sección de Pensamento e Sociedade
Ramón Máiz é o coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade. Desta sección depende O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que está en marcha desde 2007. O ciclo aborda os debates e investigacións máis recentes sobre as nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.

Outras noticias que te poden interesar: