NOTICIA

----

A primeira das xornadas de Albert Camus destacan a actualidade do seu legado e a pegada na cultura galega

“Foi un autor que se debateu entre o compromiso e a liberdade, entre o individuo e o suxeito colectivo”. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega abría con estas palabras as xornadas sobre Albert Camus, que rematan mañá na sede da institución. O coordinador da cita, o profesor Jorge Álvarez, destacou a actualidade do ideario e da obra desta figura clave do existencialismo, pero tamén a relevancia da pegada que deixou na cultura galega. Unha idea que se completará na sesión do xoves, nas que tamén se abordará a polémica relación que Camus mantivo con Sartre.
A primeira das xornadas de Albert Camus destacan a actualidade do seu legado e a pegada na cultura galega

“Máis escritor que filósofo?” con este interrogante Arturo Leyte, da Universidade de Vigo, abriu os relatorios desta cita de carácter internacional. Ofreceu unha visión moi persoal que situou o legado do escritor no ámbito literario, con gran influencia do terreo da filosofía. “É complexo encaixar a Camus nunha tradición filosófica, mesmo en vida foi considerado artista, escritor, nunca filósofo” apuntou. Na súa opinión os xéneros que Camus empregou na súa creación (o teatro, a novela, o ensaio) abordounos desde a épica, que entendeu como algo irrepresentable e, polo tanto, filosófico. Trala súa intervención participaron Miguel Morey e Alberto Moreiras, das universidades de Barcelona e Texas A&M University, que afondaron en aspectos concretos da súa creación. Morey centrouse nun dos textos nos que el fala do mal a raíz da súa obra “O home rebelde”, que lle serve para demostrar que a rebelión estaría apoiada na constatación dunha situación inxusta. Para Alberto Moreiras centrouse na pena de morte.

O primeiro achegamento á pegada galega
Na sesión da tarde, Damián Villalaín conectou o legado de Albert Camus coa literatura galega a través dun autor concreto como foi Carlos Casares. A súa intervención, elaborada con Carlos Fernández, permitiulle facer un repaso polo posicionamento de figuras do galeguismo como Ramón Piñeiro ou Vicente Risco ante a influencia de Camus, que influíron moito en Casares. Según Villalaín “Camus foi para Casares un exemplo a seguir no intelectual pero tamén no personal” e, na sua opinión, apréciase esa influencia na súa literatura e tamén na súa actitude vital.
Sobre a influencia na nosa cultura incidirá mañá Bieito Iglesias, que analizará desde unha perspectiva ampla a literatura galega e as influencias do existencialismo. A conexión galega complétase con Xesús Alonso Montero, representante dunha época que viviu moi de preto a problemática entre Camus e Sartre.

Foi o presidente do Consello da Cultura Galega na inauguración desta cita quen destacou outro aspecto importante da conexión galega de Albert Camus ao aludir á intensa relación que mantivo coa actriz María Casares. Non foi só unha relación sentimental, senón que ambos compartían tamén posicións vitais “Ten un valor sentimental que se engade ao filosófico” apuntou Villares.

O programa do xoves
Na sesión do xoves, a interpretación do resentimento na obra de Albert Camus chega da man de Germán Cano, que vén da Universidad de Alcalá de Henares. Canda este aspecto, tamén se analizará as relacións entre Sartre e Camus, sobre as que afondarán Rosa Rodríguez Magda, directora da Aula de Pensamiento da Institució Alfons el Magnànim (CECEL-CSIC).