NOTICIA

----

As xornadas sobre Albert Camus destacan a actualidade do seu pensamento, que tivo escasa presenza na cultura galega

O seu carácter poliédrico, a actualidade da súa obra pero sobre todo do seu pensamento, así como a escasa influencia que tivo na cultura galega, a excepción de Carlos Casares, foron as principais ideas que se abordaron no congreso sobre Albert Camus realizado ata hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). “Foi un seminario en que se analizaron os seus pensamentos desde moi diferentes puntos de vista e permitiunos ver a vixencia absoluta dos seus valores, como a relación ética en política, a violencia, o papel do intelectual ou o problema do individuo ante o suxeito colectivo” apuntou Jorge Álvarez, coordinador desta cita que xuntou expertos chegados de diferentes países para falar desta figura clave do existencialismo.

Foi o escritor Bieito Iglesias quen fixo unha análise da pegada de Albert Camus na literatura galega. Situouno no contexto da Galicia dos anos cincuenta, en pleno franquismo, onde había un férreo control dos libros chegados de fóra. Foi esta a circunstancia que xustificaría, en parte, o que el considerou a súa escasa pegada na cultura galega. “Na Galicia dos anos cincuenta, na chamada Escola da Tebra, que aínda que emprega un ton lúgubre, non ten, na miña opinión moita relación co existencialismo francés” apuntou. Incidiu en que hai pequenas excepcións, como poden ser o caso de Carlos Casares, pero que el matizou. “Casares, sen ser un gran herdeiro de Camus, comparte con el o feito de ter novelas de ideas, de privilexiar contidos sobre a forma e a moral da mesura, dos límites. Interesouse menos pola revolución formal que os seus coetáneos, por iso se declara máis camusiano” explicou Iglesias. Sobre esta idea xa afondara máis Damián Villalaín na sesión do primeiro día, nun relatorio elaborado conxuntamente con Carlos Fernández e centrado no escritor ourensán. Segundo Villalaín, “Camus foi para Casares un exemplo a seguir no intelectual pero tamén no persoal” e, na súa opinión, apréciase esa influencia na súa literatura en obras como O sol do verán”.

A conexión galega completouse con Xesús Alonso Montero, representante dunha xeración que viviu moi de preto a problemática entre Camus e Sartre, quen ofreceu datos históricos sobre a pegada do existencialismo nunha etapa complexa en Galicia. Montero recuperou unha época marcada pola influencia de Ramón Piñeiro e os seus seguidores, que foron os que introduciron nas novas xeracións algunhas das figuras do existencialismo francés.

Foi o presidente do Consello da Cultura Galega na inauguración desta cita quen destacou outro aspecto importante da conexión galega de Albert Camus ao aludir á intensa relación que mantivo coa actriz María Casares. Non foi só unha relación sentimental, senón que ambos compartían tamén posicións vitais. “Ten un valor sentimental que se engade ao filosófico” apuntou Villares.

A vixencia dun autor poliédrico
“Máis escritor que filósofo?” con este interrogante Arturo Leyte, da Universidade de Vigo, abriu os relatorios desta cita de carácter internacional. Ofreceu unha visión moi persoal que serviu para situar o legado do escritor para o debate posterior. Encadrouno no ámbito literario, con grande influencia do terreo da filosofía. “É complexo encaixar a Camus nunha tradición filosófica, mesmo en vida foi considerado artista, escritor, nunca filósofo” apuntou Leyte. Na súa opinión, os xéneros que Camus empregou na súa creación (o teatro, a novela, o ensaio) abordounos desde a épica, que entendeu como algo irrepresentable e, polo tanto, filosófico. Tras a súa intervención participaron Miguel Morey e Alberto Moreiras, das universidades de Barcelona e Texas A&M University, que afondaron en aspectos concretos da súa creación. Morey centrouse nun dos textos en que el fala do mal a raíz da súa obra O home rebelde, que lle serve para demostrar que a rebelión estaría apoiada na constatación dunha situación inxusta, mentres que Alberto Moreiras o fixo na pena de morte. Ademais, Germán Cano, chegado da Universidad de Alcalá de Henares, incidiu no resentimento, nos límites e na rebeldía.

Rosa Rodríguez Magda, directora da Aula de Pensamiento da Institució Alfons el Magnànim (CECEL-CSIC), foi quen ofreceu un dos puntos máis controvertidos en vida de Camus, como foi a súa polémica con Sartre. Moi de actualidade, tras o achado dunha carta anterior á publicación de Camus de O home rebelde que lles ocasionou a súa inimizade de por vida.