A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos entendida de Valle-Inclán e que permite ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; por outra, a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia, despois en Italia e en Rusia”.
A exposición, que estará aberta ata o 8 de marzo, ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; pero tamén a de recuperar unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes
“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa(Francia, Portugal e Italia), pero tamén cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes paíes). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.
Itinerancia
A exposición chega a Madrid, despois de estar dous meses en Santiago no Claustro Alto da Universidade de Santiago. Ten previsto a súa presenza, ao longo de 2015, en Roma e en Lisboa nas sedes do Instituto Cervantes destas cidades.
O catálogo desta exposición pódese descargar na nosa mediateca