----

O Consello da Cultura, a Xunta e o Parlamento presentan as Memorias de Rosendo Salvado en galego

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia e Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia presentaron esta mañá no Parlamento a publicación Memorias históricas sobre a Australia de Rosendo Salvado. “Non son o balance vital ou o testamento, senón máis ben o proxecto de toda unha vida” explicou Ramón Villares sobre o libro que ve agora a luz tras das súas edicións en italiano, francés, español e inglés. A publicación, que xa se pode descargar desde o web do CCG, documenta a traxectoria de Rosendo Salvado en Australia, onde desenvolveu un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na defensa dos dereitos dos aborixes.

A edición que se presentou esta mañá de Memorias históricas sobre a Australia supón a tradución ao galego dunha que viu a luz orixinariamente en italiano en 1851 (baixo o título Memorie storiche dell’Australia particolarmente della Missione Benedettina di Nuova Norcia e degli usi e costumi degli australiani). Dous anos despois foron publicadas en castelán e despois, en francés e un século despois en inglés. A presentación contou coa achega do vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros que leva anos analizando e investigando sobre a figura deste bispo benedictino nado en Tui que destacou de Rosendo Salvado a “súa sensibilidade para coas poboacións indíxenas así como o seu talento musical, que lle permitiu unha mellor integración no país australiano”.

No marco da súa intervención presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou na súa intervención os valores galegos que Frei Rosendo Salvado fixo universais, como “a humanidade, a afouteza e o amor pola cultura”.

A figura de Rosendo Salvado e as súas memorias
Rosendo Salvado foi un monxe bieito e bispo decisivo no proceso de colonización de Australia. Fundador da Abadía de Nova Nursia nun momento de apoxeo colonialista, destacou polo seu trato coas comunidades aborixes, baseado no respecto da súa identidade e dos seus dereitos.

A obra divídese en tres partes. Na primeira ofrece unhas notas sobre Oceanía en xeral nas que, segundo o propio Salvado “engadín ás miñas observacións particulares canto de importante teñen escrito os viaxeiros de máis sona, tales como Cook, D’Urville, Wilson, Rienzi, Mitchell, Grey, Lang, Leichhardt e outros”. Na segunda aborda a súa Misión de Nova Nursia, mentres que na terceira fala dos usos e costumes dos salvaxes. “Non fago máis que contar coa veracidade e exactitude dunha testemuña ocular canto vin e souben polos mesmos salvaxes” explica o autor no prólogo da publicación.

Rosendo Salvado no Consello da Cultura Galega
A presentación da edición en galego de Memorias históricas sobre a Australia pecha as actividades que ao longo deste 2014 o Consello da Cultura Galega celebrou a propósito da figura deste bispo. En abril tivo lugar un simposio internacional no que especialistas de diferentes disciplinas achegaron novas olladas sobre a importancia do seu legado. Canda a esta cita, a exposición “Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe” resaltou o talante decidido e arriscado do bieito galego nos seus primeiros contactos cos nativos, así coma o tacto, intelixencia e discreción con que realiza a inmersión na súa cultura e tradicións. A mostra estivo en Tui, Compostela e posteriormente no Mosteiro de Samos.

Non era a primeira vez que o Consello da Cultura Galega se achegaba á figura do tudense. A primeira vez foi no ano 2001, co gallo do centenario da súa morte, cunha exposición “Rosendo Salvado: o bispo dos sen alma”. Ademais, ten publicado a tradución ao galego da obra de George Russo, Lord Abbot of the Wilderness. The life and times of Bishop Salvado, onde ofrece un retrato da súa vida, obxectivos, logros, desafíos e fondas dificultades polas que pasou e a súa perseveranza. Ademais, presenta unha descrición detallada do traballo que desenvolveu a favor dos aborixes de Australia Occidental, os seus logros, puntos de vista e métodos.

Podes descargar a publicación na nosa mediateca