----

O seminario Estudos galegos/Estudos ibéricos remata coa demanda dunha maior colaboración institucional na internacionalización da lingua

“É o momento de dar un paso máis na colaboración que nos permita crear unha acción exterior concertada, coherente e definida no que ten que ver coa difusión da lingua e da cultura galega”. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, poñía así o fin ao seminario “Estudos Galegos/estudos ibéricos” que durante tres días xuntou en Santiago a responsables dos institutos de difusión internacional do vasco, catalán, español e portugués, xunto con lectores, profesores de galego de diferentes universidades do mundo.

O galego ten demanda fóra dos límites da Galicia administrativa. Así o manifestaron os diferentes profesores, lectores e investigadores que participaron neste seminario. Os seus relatorios permitiron coñecer as debilidades e fortalezas desta práctica que se extende a preto de 40 universidades de todo o mundo, e que ten previsto ampliar o seu radio de acción en Asia (Pekín e Tokio) e en Estados Unidos (Milwaake-Wisconsin) no futuro máis inmediato. Ademais, o seminario permitiu coñecer que están a desenvolver os gobernos catalán, vasco e portugués a través dos institutos Llull, Etxepare e Camoes. Esta cita, coordinada por Henrique Monteagudo, estaba encamiñada a coñecer as estratexias de difusión e promoción das distintas linguas ibéricas e ver propostas de futuro.

A segunda sesión: os estudos de vasco e catalán
“Non existe no mundo un modelo imperante de centro dedicado á difusión e promoción da lingua e da cultura, senón máis ben unha forma de ir facendo que depende das características de cada país”. Alex Susanna, director do Instituto Ramón Llull, sintetizaba así a realidade deste tipo de centros encamiñados a ser difusores culturais. Este instituto, creado en 2002, promove a internacionalización dos estudos de lingua e de literatura catalá e centra as súas actividades en tres áreas: a lingua, a través dunha extensa rede de universidades (147 en total) por todo o mundo; a cultura e o apoio á creación (de todos os ámbitos menos do audiovisual). Son os mesmos ámbitos de competencia que mantén o Instituto Etxepare, creado en 2007 coa finalidade de darlles proxección exterior á cultura e á lingua vascas. A súa directora académica, María José Olaziregui, explicou que para a difusión do éuscaro contan con convenios en 34 universidades en todo o mundo, que suman 2200 estudantes. Tanto Olaziregui como Susanna explicaron que os retos de futuro, xustificados pola escaseza de fondos, pasan por seleccionar e mellorar as universidades onde se imparten estes estudos, máis que por aumentar o número.

Na primeira sesión: o Instituto Cervantes e o galego na MLA
O responsable do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, foi o encargado de abrir os relatorios científicos deste seminario. Fíxoo facendo fincapé nas dúas liñas de actuación que desenvolve a institución que dirixe e que conta con 90 centros en 44 países. Dunha banda, a promoción e difusión do español fóra de España. Nesta liña apuntou que “o gran reto do español é consolidarse como lingua internacional de comunicación”. Da outra, incidiu na relación coas linguas de España na actividade dos seus centros. Neste sentido, apuntou que esta liña de actuación “non estaba na lei de creación do Instituto Cervantes e que se foi abrindo coa práctica, que foi moi limitada”. Ademais, apuntou as restricións orzamentarias (o centro pasou de 90 a 50 millóns de euros de orzamento en cinco anos) como principal condicionante desta liña, que busca colaboradores e outras vías de financiamento.

Despois, Alejandro Alonso, do Brooklyn College, analizou os estudos galegos e a súa emerxencia nos novos paradigmas tomando como referencia a Castelao e a Xoán González Millán, un profesor de literatura que dedicou os seus traballos, na última década do século XX, a cuestionar os mitos fundadores da literatura galega e, por extensión, da cultura nacionalista. Pechou a sesión, Gabriel Rei Doval, da Universidade de Wisconsins-Milwaukee, quen, a través de videoconferencia, explicou as repercusións da inclusión do galego na Modern Language Association, a maior corporación académica do mundo, en particular no ámbito das linguas, literaturas e culturas, que tivo lugar o pasado 13 de novembro. Rei Doval explicou que malia que desde hai un mes a lingua, literatura e cultura galegas forman parte xa da asociación con plenos dereitos, non será ata xaneiro de 2016, coa primeira edición do Congreso Anual da MLA, cando se vexa de xeito efectivo esta adhesión.

Os estudos de galego no mundo
Na actualidade, segundo datos da Xunta, o galego é obxecto de estudo en trinta e sete universidades. Vinte e nove delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización, etc.). Os programas académicos e formativos complétanse con numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, coa cultura galega. A diferenza dos casos vasco e catalán, en Galicia non existe ningunha entidade específica encargada desta difusión e as competencias recaen directamente no goberno galego.