----

O Consello da Cultura Galega acolle este serán unha sesión plenaria extraordinaria

O Consello da Cultura Galega acolle este serán (19:30 horas) unha sesión plenaria extraordinaria cun único punto na orde do día: balance de actividades de 2014 e avance da programación de 2015. A xuntanza contará coa asistencia do presidente de honra da institución, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O Consello da Cultura Galega acollerá en 2015 un total de 25 actividades entre xornadas, simposios e seminarios, así como dúas exposición de produción propia: unha que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos e outra sobre a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración. O orzamento do Consello da Cultura Galega para o ano 2015 ascende a 2 374 447 euros, o mesmo importe que en 2014. Unha cifra continuísta que defendeu o presidente no Parlamento e que permite un calendario completo de actividades, que dá un total de 25 citas entre xornadas, simposios e seminarios. Ademais, haberá exposicións de produción propia e novos destinos para as mostras elaboradas en anos anteriores, nas que gardará especial importancia a colaboración con outras entidades.
Para 2015 está prevista a realización dunhas xornadas que afonden na idea dos desafíos do ecosistema cultural galego no marco da Axenda 2020. Nesta cita abordaranse aspectos como as políticas culturais, o programa comunitario Europa Creativa, os retos do mecenado ou a cultura e a comunicación na rede. No vindeiro ano, o Consello da Cultura Galega promoverá dúas grandes exposicións: unha que permitirá reflectir a cultura galega en cen obxectos e outra que documenta a imaxe do país a través das revistas ilustradas da emigración. En 2015 haberá tamén unha nova edición dos concertos promovidos pola institución: tanto o das Letras Galegas como a cita que xunta poesía e música titulada No bico un cantar, que homenaxeará a Ramón Cabanillas e terá lugar no mes de xuño en Cambados.

Durante o vindeiro ano, o Consello da Cultura Galega traballará para acoller, en 2016, a xuntanza anual da Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI). Ademais, haberá novos destinos para as exposicións producidas pola institución en anos anteriores. Neste sentido, en colaboración co Instituto Cervantes as exposicións “Os adeuses” e “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido” estarán en Brasil, Portugal, Italia e outros destinos da península.


Actividades arredor de Filgueira Valverde, Día das Letras Galegas 2015
En 2015, a figura elixida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas é Xosé Fernando Filgueira Valverde, quen foi o presidente desta institución entre 1990 e 1996. No marco da liña de publicacións arredor desta data, o Consello da Cultura Galega reeditará a súa obra Os nenos. Trátase do seu primeiro traballo narrativo que está conformado por unha serie de textos breves nos que cada protagonista evoca incidentes da súa nenez. Ademais, o CCG acometerá os traballos de dixitalización do seu epistolario.

Balance de 2014
En 2014, o Consello da Cultura Galega acolleu 78 actividades, das que a maior parte corresponderon a conferencias, seminarios, ciclos e xornadas (que suman 32), 16 tiveron lugar fóra da sede da institución en Santiago, 10 foron presentación. Ademais, a sede do CCG acolleu ao longo do ano 20 actividades doutras entidades. Do orzamento total executouse o 90,9% e entre as actividade desenvolvidas destaca a revisión da figura de Rosendo Salvado, de Benito Jerónimo Feijoo ou os seminarios sobre Obras públicas e patrimonio cultural, Albert Camus e Estudos galegos/estudos ibéricos, que permitiu xuntar en Santiago os responsables dos centros de difusión das linguas ibéricas, como son o Etxepare, Ramón Llull, Camões e Cervantes.