----

O emprego cultural medrou en 2014 segundo o Observatorio da Cultura Galega

En 2014 rexistráronse en Galicia 29 300 empregados no ámbito cultural segundo os datos Enquisa de Poboación Activa (EPA). Unha cifra que amosa unha tendencia á alza desde que en 2011 se rexistrase unha perda importante de ocupación neste sector. É unha das conclusións do documento de traballo (DT-OCG) “O emprego cultural en Galicia”, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega. Este documento, que analiza fontes da EPA, de afiliacións da Seguridade Social, de contratación e de paro rexistrado, constata que o 2014 foi un bo ano para o emprego da cultura.

O 2014 rexistrou cifras positivas para o emprego na cultura en Galicia. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, no terceiro trimestre produciuse unha suba importante ata acadar os 29 300 traballadores, a cifra máis alta dos últimos catro anos. Segundo o último DT do Observatorio da Cultura Galega, o emprego cultural medra ininterrompidamente desde o último trimestre de 2012 e faino a mellor ritmo que o conxunto da economía galega. En relación co resto de España, Galicia está unha décima por debaixo da media estatal, que se sitúa en 2,9, e ocupa o cuarto lugar detrás de Madrid, Cataluña e Navarra. O ano 2014 foi tamén bo segundo as cifras de afiliación da Seguridade Social, con 245 altas novas, que rompen coa tendencia á baixa do bienio 2012-2013. En 2014 o paro descendeu en máis de 600 persoas nas principais actividades culturais.

Tipo de empregados, segundo as afiliación á Seguridade Social
En Galicia hai 11 260 afiliados á Seguridade Social, o que supón un 1,2% do total de afiliación en todos os sectores, que suma 928 744. Unha porcentaxe que se mantén estable nos últimos tres anos segundo o DT do Observatorio da Cultura Galega. Unha cifra que sitúa o emprego cultural en Galicia catro décimas por debaixo da media estatal, que está en 1,6%, por detrás de Madrid e Cataluña (3% e 2,3% respectivamente).

A maior parte destas afiliacións, 8302, corresponde ao réxime xeral e 2958 son autónomos. Os traballadores por conta allea son os máis numerosos en todos os sectores, agás na epígrafe de actividades de creación artística e espectáculos (onde 1124 son autónomos fronte a 794 contratados). O maior volume de traballadores, tanto por conta propia como allea, correspóndese coa epígrafe de artes gráficas e reprodución de soportes gravados, con 3049 afiliados (2233 de réxime xeral e 816 autónomos).

Por provincias, o 60,5% do total das afiliacións á Seguridade Social proceden da provincia da Coruña, dos que un 76,3% son de réxime xeral e un 21% autónomos. Séguelle Pontevedra, cun 26,3% de afiliados (66,7% por conta allea e 33,3% por conta propia). Ourense é a provincia cun menor número de empregados de ámbito cultural, con 685 afiliacións.

As contratacións
Para analizar as contratacións, o Observatorio da Cultura toma datos anuais e a nivel autonómico do Servizo Público de Emprego. Segundo esta fonte, o número de contratos asinados nos últimos 12 meses subiu en 43 515. Os músicos, compositores e cantantes son os máis contratados, cunha media de 9,8 contratos por traballador. Séguenlles os actores e o técnicos de gravación audiovisual.
Por xéneros, contrátase máis homes que mulleres, un 59% fronte a un 41%. As ocupacións cun perfil feminino máis contratadas son as dos xornalistas, filólogo, intérpretes, tradutores, coreógrafos e bailaríns. Con respecto ao perfil de idade, os máis contratados teñen entre 26 e 35 anos, e están situados nas comarcas urbanas de Vigo, A Coruña e Santiago.

O paro
En 2014, o paro nas principais actividades culturais baixou en 609 persoas, co que se situou en 7315 parados. Por profesións, os empregos relacionados coa “Información e comunicación” rexistraron unha maior baixada, con 694 desempregados menos. Onde máis subiu o paro foi na epígrafe das actividades artísticas, recreativas e entretemento, que se incrementou en 1092 parados máis con respecto a 2011.

O desemprego é maior nos homes (52,2%) que nas mulleres (47,8%) e, por idade, a franxa comprendida entre 25 e 49 anos rexistra as maiores cotas de paro.

Profesor de idiomas, axudante de biblioteca e animador sociocultural son as tres profesións de ámbito cultural máis demandadas en 2014. Unha orde que non se mantén se analizamos as ocupacións por xéneros xa que as máis demandadas polos homes son, nesta orde, músicos, fotógrafos e técnicos en audiovisuais.


Descarga o informe “O emprego cultural en Galicia”