----

Mil barcos pola paz navegan en galego cara a Silleda

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do Colexio Mª Inmaculada de Silleda, coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), está a organizar a campaña “Mil barcos por un soño, mil barcos pola paz!”, coa que o centro vai conmemorar o Día da Paz. Co obxectivo de vincular o uso do galego a valores cívicos como a Paz, o vindeiro 30 de xaneiro o patio deste colexio converterase nun mar de barcos de cores. Para conseguilo, convidan a centros de ensino, entidades e particulares a colaborar enviando o seu barco de papel (sinalando o nome e apelidos a babor e un desexo de paz a estribor). Podes obter máis información no Facebook do EDLG “Inmacugaleguízate”.