----

O Consello da Cultura Galega e o ILG presentan unha publicación que reflexiona sobre a fronteira galego-portuguesa

Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa é unha publicación que se achega a esta zona xeográfica desde a perspectiva histórica, antropolóxica pero sobre todo lingüística. O volume, foi presentado esta mañá por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ernesto González, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e Xulio Sousa un dos tres editores deste volume xunto con Rosario Álvarez e Marta Negro. Villares destacou na presentación a metodoloxía e o rigor científico co que se achega a esta realidade así como a colaboración institucional que o fixo posible. A publicación xa se pode descargar desde o web do CCG.
O Consello da Cultura Galega e o ILG presentan unha publicación que reflexiona sobre a fronteira galego-portuguesa

“Obras coma esta encaixan nas liñas estratéxicas de traballo do Consello da Cultura como son a de establecer parcerías con outras institucións e a de contribuír a editar textos con metodoloxías científicas que tratan de explicar un problema” apuntou o presidente Ramón Villares na presentación. Canda el, Xulio Sousa,un dos editores, situou o volume no seu contexto ao apuntar que “é o desenvolvemento escrito dun simposio celebrado en 2013 coa intención de abordar desde un marco multidisciplinar a fronteira galego-portuguesa”. Na súa opinión serve tamén para “revisar algúns tópicos” desde o punto de vista histórico, antropolóxico ou lingüístico. Son dez contribucións que reflexionan sobre as razóns e as consecuencias da división en dous do espazo constitutivo do protorromance galego, e que deu lugar ás linguas galega e portuguesa.

A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións así como as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume. Nel tamén se analizan os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.

Xulio Sousa, Marta Negro Romero e Rosario Álvarez son os tres investigadores encargados da edición desta monografía que ve a luz no marco da colección «Ensaio&Investigación» do Consello da Cultura Galega.

Unha reflexión e varias homenaxes
Mediante esta monografía preténdese propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, crear un espazo de encontro para as olladas pluridisciplinares e crear novo coñecemento con renovación en métodos e resultados. O volume, dedicado a William Kavanagh (1947-2014), estudoso do significado e relevancia das fronteiras que finou pouco antes da publicación desta obra, reúne dez contribucións orixinais de catorce especialistas, nunha tripla perspectiva: histórica, antropolóxica e lingüística.
Ademais, esta homenaxe publicouse nun momento no que se cumpren dúas efemérides, o 75 aniversario da publicación do traballo de Hans Schneider sobre o galego raiano na Limia baixa, unha obra de referencia da dialectoloxía galega e o 150 aniversario da fixación definitiva do trazado da raia seca. Esta publicación, editada polo Consello da Cultura Galega, toma como base o simposio homónimo que se desenvolveu en Santiago entre o 28 de novembro e o 3 de decembro de 2013.

O simposio e a monografía
Esta publicación hoxe presentada responde a unha dinámica de traballo iniciada hai uns anos entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega. Ernesto González, director do ILG, explicou na rolda que desde 2001 esta entidade organiza anualmente un simposio cun triplo obxectivo: describir un estado da cuestión arredor dun tema, conectar as investigacións científicas lingüísticas con outras que se estean a facer tanto no país como fóra, e impulsar unha nova liña de investigación. Sobre os traballos presentados nese simposio anual, pero enriquecidos co debate e unha posterior reflexión, elabórase unha monografía de cuxa edición se encarga o Consello da Cultura Galega.

Descarga na mediateca a publicación