NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega asina un acordo coa Fundación Filgueira Valverde para dixitalizar documentación do polígrafo pontevedrés

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) mantivo unha extensa correspondencia con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX. As máis de 500 carpetas con cartas que repousan no Museo de Pontevedra son unha mostra desa fecunda relación. Todas elas, xunto con outros documentos, serán dixitalizadas polo Consello da Cultura Galega en virtude dun acordo de colaboración asinado esta mañá polo presidente desta institución, Ramón Villares, e Fernando Filgueira Iglesias, fillo e presidente da Fundación Filgueira Valverde, ante a presenza de Ana Isabel Vázquez, deputada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra e Carlos Valle, director do museo.
O Consello da Cultura Galega asina un acordo coa Fundación Filgueira Valverde para dixitalizar documentación do polígrafo pontevedrés

“Filgueira Valverde deixou cartas, notas e papeis que van alén da súa propia biografía” apuntou Ramón Villares trala sinatura do acordo que lle permitirá ao Consello da Cultura Galega dixitalizar todos eses fondos. O acordo foi asinado no que foi, durante anos, o despacho de Filgueira Valverde e no que aínda se conserva a que foi a súa mesa de traballo. O material a dixitalizar comprende dous tipos de documentos. Dunha banda consiste no seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia a cultura de Galicia como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous últimos persoeiros xa se pode consultar desde o web do Consello da Cultura Galega), entre outros.

Da outra, os traballos de dixitalización tamén comprenden os papeis e notas persoais que documentan a súa relación con diferentes institucións culturais galegas, como son o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega así como material relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido Galeguista en Pontevedra. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20 000. “A gran vantaxe do fondo de Filgueira Valverde éque foi unha persoa que estivo moi activa durante moito tempo, que era moi ordenado e que conservou todo, desde as notas dos instituto, ata os recibos médicos” apuntaba Ramón Villares na descrición dos materiais que se dixitalizarán e poñerán ao público “á maior brevidade posible”.

Dixitalización de arquivos particulares
O acordo de dixitalización asinado esta mañá insírese nunha liña de traballo do Consello da Cultura Galega que supón a dixitalización de arquivos persoais e fondos privados doados ou cedidos á institución. Este proxecto reúne unha importante colección de arquivos persoais de senlleiras figuras da nosa literatura e política como son Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Manuel Puente, Xosé Benito Abraira, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago ou Ramón Piñeiro. Hoxe en día a colección inclúe máis de 25 000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias. A maior parte deles xa se poden consultar desde a web da institución.

A reedición de Os nenos
Esta mañá tamén se asinou o contrato de cesión de dereitos para a reedición de Os nenos, obra escrita por Filgueira Valverde e publicada en 1926 con ilustracións de Luís Pintos e letra de Castelao. “Trátase dunha edición facismilar con traballos de contextualización literaria e artística no que o Consello pon este ano un énfase especial” apuntou Ramón Villares ao explicar que foi Filgueira Valverde quen deseñou esta colección de libros facsimilares que o CCG edita cada ano en relación co homenaxeado no Día das Letras Galegas. Trátase dunha edición non lucrativa, de exemplares numerados, que estará dispoñible nos vindeiros meses.