----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega pon en valor a importancia dos xogos na cultura

Os xogos tamén son parte da cultura. Esta é a máxima que centra a xornada “Xogar coa cultura” que o Consello da Cultura Galega realizará o xoves 5 de marzo. Coordinada pola profesora da Universidade da Coruña Carmen Costa, a cita pretende poñer de manifesto a potencialidade dos xogos para a educación, a divulgación, o desenvolvemento persoal e cultural, entre outras facetas. Para asistir a esta xornada gratuíta, hai que inscribirse a través do web da institución e hai cen prazas.

“Os xogos acompañaron o ser humano dende a época antiga e continúan hoxe como parte da nosa actividade diaria. Porén, consideráronse como algo secundario” apunta Carmen Costa, profesora da Universidade da Coruña e coordinadora do encontro. Foron considerados algo menor ata o ano 2009, cando a industria do videoxogo pasou a considerarse en España como unha auténtica industria cultural e esta xornada pretende tamén evidenciar o seu valor. “As dinámicas lúdicas teñen un gran potencial vinculadas a outros ámbitos como a educación ou a divulgación científica” apunta Costa. Entre as diferentes facetas que poñerá de manifesto esta xornada poderase descubrir que os xogos “propoñen obxectivos e pequenos retos que axudan a poñer en práctica as nosas habilidades e contribúen a motivarnos, ademais de fortalecer outras competencias transversais moi necesarias para o ser humano como, por exemplo, o traballo en equipo” apunta a coordinadora.

O programa
A xornada arrinca cunha conferencia do profesor da Universidade Pompeu Fabra Manuel Garin, que analiza o concepto de xogo na cultura occidental para logo introducirse en diversos exemplos vencellados ás industrias culturais. Despois de describir ese marco xeral, o programa estruturase en tres bloques. Comeza coa mesa “Para aprender xogando”, que incide na relación positiva que existe entre xogos e aprendizaxe, polo tanto, supón tamén poñer en valor o xogo como estratexia de coñecemento. Nela estarán Eva Balsa, do CSIC, para falar do proxecto Kaleidolabs; Irene Lapuente, de La Mandarina de Newton, e Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Xa na sesión da tarde terá lugar o módulo “Xogar cos públicos”, que pretende incidir nas relacións públicas lúdicas, desde o punto de vista da boa xestión corporativa. Para isto estarán a delegada de Inforpres en Galicia, Luisa Rodríguez, e o director de Estratexia e creatividade en Best Relations, Diego Rivera.

Pon o peche á xornada unha mesa que fará un repaso por videoxogos que se están a facer en Galicia neste momento. Nela estarán presentes Silvia López de Imaxin Software, Xosé Manuel Rey Piñeiro de Iberian Games, Sergio Prieto de Gato Salvaxe e Ignacio Lago de glue.gl

Outras noticias que te poden interesar: