NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e o CGAI celebran o Día da Muller Traballadora cun ciclo de cine

Directoras, guionistas, produtoras, actrices…, en resumidas contas filmes feitos ou protagonizados por mulleres. Baixo esta premisa o Consello da Cultura Galega(CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) organizan ao longo desta semana un ciclo de cine titulado “Olladas de mulleres no mundo (creadoras galegas de imaxe)”. Unha tentativa de amosar outras olladas e perspectivas para celebrar o Día da Muller Traballadora. Proxeccións e coloquios que permiten ver cinema feito tanto en Galicia como noutras partes do mundo.

Desde o martes 3 ata o sábado 7 de marzo, nas salas do CGAI terán lugar proxeccións diarias (con entada de balde ata completar aforo) encamiñadas a exhibir filmes feitos ou protagonizados por mulleres. A cita arrinca co único título de directores masculinos, Dos días, una noche, dos irmáns Dardenne. Esta produción recolle a situación da muller no ámbito laboral nun contexto de crise. A intérprete principal, Marion Cotillard, foi candidata ao Oscar á mellor actriz polo seu papel de traballadora que intenta que os seus compañeiros renuncien á paga extraordinaria para ela conservar o seu posto na empresa.

As proxeccións continúan o mércores 4 con Mil noches, una boda, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis. Neste filme abórdase o retrato dunha muller libre de 60 anos e as complexidades dos afectos e a contorna social. Canda este título, Amour fou, de Jessica Hausner, está inspirada na historia do poeta Heinrich von Kleist e a súa procura dunha compañeira para se suicidar en pleno Romanticismo alemán; ambas as dúas achegan senllos retratos femininos con forza.

A creación galega
Para os últimos días do ciclo resérvase a sección Creadoras Galegas de Imaxe, na que se ofrecen dous títulos de carácter galego. Un deles é Muller(es)Muller, de Inés Pintor, producido por SocialDocs e no que se amosa a vida de mulleres dunha mesma familia pertencentes a tres xeracións distintas: as dificultades e diferenzas na educación, na percepción, no papel desempeñado… O outro é O tesouro de Corcoesto, adscrito ao documental militante e dirixido pola galega Cora Peña.
O ciclo remata con Se dice poeta, da asturiana Sofía Castañón, que se aproxima a 21 poetas, entre elas tres galegas establecidas na Coruña: Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro.
No marco desta sección, tras o remate das proxeccións programadas terá lugar un coloquio-debate coa presenza das autoras dos filmes.