----

O Consello da Cultura Galega recibe a visita institucional do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, xunto cos demais membros da Comisión Executiva, recibiron esta tarde a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Trátase da primeira visita institucional do conselleiro desde que o pasado 10 de febreiro tomou posesión do seu cargo. Na xuntanza deron conta das actividades recentes da entidade así como da liña de traballo conxunta de cara a promoción exterior da lingua e a cultura galega.
O Consello da Cultura Galega recibe a visita institucional do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

O conselleiro foi recibido pola Comisión Executiva, composta polo propio presidente, Ramón Villares, os vicepresidentes Francisco Díaz-Fierros e Rosario Álvarez, xunto co secretario Xosé López e o vogal Maximino Zumalave. Canda o conselleiro estaba presente Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. Tras a visita, Román Rodríguez recibiu a insignia da institución e asinou no libro de honra. Nel deixou constancia da súa “primeira visita ao Consello da Cultura Galega, institución estatutaria coa que compartimos obxectivos, a promoción e divulgación da nosa cultura e a lingua”. Ademais, expresou o desexo de “ter unha relación positiva para os intereses do noso país e da nosa cultura”.

O acto tiña un valor engadido, por tratarse da primeira vez que Román Rodríguez visita a institución xa que o conselleiro de Cultura é membro nato do Plenario do CCG, tal e como figura na súa lei de creación. Un aspecto que destacou Ramón Villares quen lle deu a benvida como membro nato e cualificou a visita como “unha toma de contacto das actividades, convenios e propostas conxuntas”.