----

O Observatorio da Cultura Galega constata o descenso de público e de funcións nas artes escénicas

Os indicadores estatísticos describen un panorama adverso para as artes escénicas (teatro, danza e xénero lírico) en Galicia. O último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega titúlase “Panorama estatístico das Artes Escénicas Galegas” e revela unha baixada de case o 50% do número de funcións no último lustro no sector teatral. Mantéñense os espazos escénicos, pero hai menos espectadores e tamén unha menor recadación. Unha dinámica equiparable ao caso da danza, aínda que neste caso medra o número de compañías.

O panorama xeral das artes escénicas en Galicia revela indicadores negativos en case todos os sectores, sendo o teatral o máis destacado. A nivel empresarial, as compañías profesionais de teatro e danza experimentaron unha evolución negativa dos seus ingresos de explotación, cun aumento das perdas e un endebedamento cada vez máis alto.

O teatro
O número de espazos teatrais que funcionan en Galicia mantense estable. O INAEM contabilizou en 2013 86 centros, os mesmos que en 2007. No caso das compañías de teatro, pasouse de 221 en 2012 a 213 en 2013, sendo o número máis baixo de toda a serie temporal analizada neste DT. Con todo, é nas cifras de representación onde se aprecia o descenso máis acusado. En Galicia representáronse 2747 funcións en 2007, mentres que en 2013 a cifra foi de 1495. Con estas cifras estamos no oitavo lugar en número de representacións de obras teatrais. Na mesma liña descendente compórtase a afluencia de público, que pasa de 580 000 a 355 000 en 2013. Curiosamente, a recadación baixa pero faino dun xeito case inapreciable, a variación é de preto de 126 000 euros.

No tocante á exhibición, nos últimos dous anos desapareceron en Galicia 10 festivais teatrais, que pasan de 56 a 46.
O DT tamén revisa o gasto medio por fogar, que no caso do consumo cultural dos fogares en espectáculos segue unha tendencia negativa. O gasto medio na nosa comunidade é de 36,5 euros, practicamente a metade da media española (77,8 euros) e ocupamos o último lugar no conxunto estatal.

O perfil dos profesionais do teatro é de persoas novas de entre 26 e 35 anos, cunha taxa de ocupación feminina dun 30%. Cando se trata de postos de dirección, a presenza do persoas novas é baixa neste sector. Ademais, o documento conclúe que neste sector a estabilidade laboral é baixa, agás no caso dos escenógrafos e decoradores de cinema, televisión e teatro.

A danza e o xénero lírico
Entre 2007 e 2013 medrou o número de compañías de danza en Galicia, que pasan de 73 a 85. Pola contra, descende o número de representacións, que seguen unha tendencia á baixa nos últimos sete anos. Baixan as funcións e tamén o público pois pasouse de 42 000 espectadores a 35 000.

Os datos de danza difiren dos do xénero lírico, que gañou 3000 espectadores en 2013. O número de espectadores tamén é diferente xa que o público de ópera e zarzuela dobra en número ao de danza. En 2013, o gasto medio por espectador en representacións de danza sitúase nos 5,9 euros, mentres que no xénero lírico está en 9 euros. A recadación nese mesmo ano medrou un 15,1% para este sector, que tamén rexistrou 8 funcións máis.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do INAEM, da Enquisa de Presupostos Familiares e os anuarios da Sociedad General de Autores. Ademais, empregouse a Encuesta de Presupuestos Familiares e para o ámbito laboral a fonte é o Instituto Galego de Estatística das Afiliacións á Seguridade Social.

Consulta o documento de traballo Panorama estatístico das artes escénicas