NOTICIA

----

O presidente do Consello da Cultura inicia unha viaxe a Brasil no marco da súa liña de acción exterior

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, inicia unha viaxe a Brasil co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. A súa axenda comeza hoxe luns coa inauguración de Os adeuses, a exposición que amosa os últimos momentos da emigración galega cara a América dos anos cincuenta do século pasado. Na inauguración estará presente o director do Instituto Cervantes de Río de Xaneiro, Oscar Pujol; o presidente da Casa de España, Alexandre Bouzón; e Pablo Figueroa Dorrego, conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Brasil. Contará tamén coa presenza da escritora e académica Nélida Piñón, de orixes galegas e autora do gran romance sobre a emigración galega no Brasil, A república dos sonhos.

A chegada de Os adeuses a Brasil ten especial relevancia xa que este país xunto con Uruguai foron os principais países de acollida dos nosos emigrantes nos anos cincuenta. Década que retrata esta mostra que se poderá ver ata o 15 de abril na sede de Río de Xaneiro do Instituto Cervantes. Organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe, Os adeuses pon rostro á que foi a grande epopea da emigración galega e que abrangue case dous séculos da nosa historia máis recente. A exposición selecciona parte do inxente arquivo do fotógrafo Alberto Martí para presentalo en tres partes: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados; e “Santa María”, que documenta o suceso do coñecido transatlántico que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí. Un material que, segundo recoñeceu o propio fotógrafo, está composto por millóns de negativos, froito de anos de carreira.
A exposición tamén permite apreciar a política migratoria española da época, que, a través de organismos oficiais (Instituto Español de Emigración) ou privados (Comisión Católica de Emigración), tentaba subsidiar ou “asistir” as saídas e as chegadas dos emigrantes. Uns galegos anónimos, pero fundamentais para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte.

Actividades
No marco desta viaxe institucional, o presidente pronunciará varias conferencias en centros de investigación e universidades. A primeira terá lugar en Río de Xaneiro, na Universidade Salgado de Oliveira en Niteroi, sobre a recuperación do patrimonio da emigración galega. En São Paulo, asistirá ao acto de nomeamento da escritora Nélida Piñón como directora da Cátedra José de Bonifacio do Centro-Iberoamericano. A viaxe conclúe cunha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo baixo o título “A emigración galega e o seu patrimonio”.

Acción exterior
A viaxe encádrase dentro da liña de Acción Exterior que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Área marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras, outras institucións como a London School of Economics, encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.