O Consello da Cultura aborda a divulgación científica no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

A delgada liña que separa a ciencia da ficción protagoniza a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega achega o seu gran de area cunha mesa redonda que terá lugar este venres 13 co obxectivo de falar da divulgación científica. Alimarias, estrelas e clons é o título desta proposta en que participan científicos, xornalistas e divulgadores.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Unha parte importante do traballo científico é a divulgación. Esta é a premisa da mesa redonda Alimarias, estrelas e clons, coa que o Consello da Cultura Galega participa no Salón do Libro Infantil e Xuvenil mañá venres 13 ás 19:00 horas.

A mesa está coordinada por Marilar Aleixandre, escritora, catedrática de Didáctica das Ciencias da USC e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela participa Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG e coordinador da sección que se encarga destas materias quen sitúa esta actividade dentro dunha liña de acción do CCG desde a súa fundación. “De sempre a institución considerou a ciencia como parte da cultura e ensaiou varias fórmulas destinadas a incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía” afirma. Na súa intervención fará un repaso por iniciativas desenvolvidas polo CCG no ámbito da divulgación científica como a publicación Os dados do reloxeiro, que xurdiu como unha colaboración para o portal de divulgación cultural Culturagalega.org e que se converteu en formato libro xunto cun conxunto de viñetas elaboradas por O carrabouxo. Un formato que repetiu en Pó de estrelas, con textos de Xurxo Mariño e ilustracións de Santy López. Ademais, avanzará datos sobre o informe que está a preparar o Consello da Cultura, que compilará todas as accións de divulgación que se están a facer en Galicia e que se publicará en 2016.

Nesta mesa redonda tamén participarán Eduardo Rolland, xornalista e codirector de GCiencia; Iolanda Casal, xornalista, e X. Dosi Veiga, físico, divulgador científico e coordinador do APOD galego.

Cómic Vivir no solo
Antes da mesa redonda, ás 18:30 horas terá lugar a presentación pública de Vivir no solo, unha banda deseñada editada polo Consello da Cultura Galega no ano 2000 que agora a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS) en Galicia e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) recuperan, actualizan e traducen ao castelán para darlle unha difusión no resto de España. Esta banda deseñada insírese nunha liña de traballo que o Consello da Cultura Galega ten explorado de buscar novos formatos de divulgación científica pensados para un público infantil. A banda deseñada foi presentada en Santiago este mércores, onde Díaz-Fierros apuntou que se pensou nos cómics como maneira directa e popular de chegar aos máis pequenos. “A idea partía dun asesoramento científico, ao que se lle xuntaba unha escritora especializada en literatura infantil e un recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse catro cómics: O sabor das mazás, Parando a marea negra, De quen é a auga e Vivir no solo, que foi o que tivo unha maior difusión” apuntou na presentación o vicepresidente da institución. Para a presentación estarán a autora do cómic, Marilar Aleixandre, o vicepresidente do Consello da Cultura, Francisco Díaz-Fierros e a presidenta da Delegación da SECS en Galicia, a investigadora Montserrat Díaz.

Outras noticias que te poden interesar: