----

O Consello da Cultura analiza nun ciclo as posibilidades da cultura ante a Europa 2020

Durante moito tempo as industrias da cultura ocuparon un lugar secundario no deseño das políticas dos gobernos. Co establecemento da estratexia Europa 2020, a Comisión e o Parlamento Europeo mudaron a óptica con respecto a esta materia. Foi así como a creatividade e a innovación, a cultura, pasaron a ocupar un lugar central. Neste contexto o Consello da Cultura Galega organiza un ciclo para analizar e reflexionar sobre os retos e oportunidades para unha cultura como a galega. Chámase Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, está coordinado polo profesor Xosé López e organizado en tres xornadas. A primeira delas terá lugar o día 24 e destaca a presenza de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, e de Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades ante un novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. A primeira está destinada ás políticas culturais, a segunda á xestión e a terceira ás industrias e ao mercado. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A primeira xornada
O ciclo arrinca o vindeiro 24 de marzo cunha sesións coordinada pola vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez Blanco, que pretende perfilar as políticas culturais sobre as que se asenta o contexto europeo. Para falar do tema estarán Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e tamén director da candidatura para Siena, capitalidade cultural europea 2019, cun relatorio titulado “Un deseño de política cultural dentro da prospectiva da Cultura 3.0”. Canda el participa Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, e pecha esta sesión o catedrático de Educación en Medios de Comunicación e de Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación na Universidade de Huelva Ignacio Aguaded.

As vindeiras sesións: xestión e mercado
A segunda sesión terá lugar o martes 26 de maio e analizará a xestión cultural. María Xosé Porteiro coordina esta cita que Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, falará dos novos retos para a xestión cultural. A terceira e última sesión terá lugar o martes 16 de xuño para prestar atención ás industrias e ao mercado. A catedrática Margarita Ledo é a encargada de coordinar esta cita en que destaca a presenza de José Teixeira Coelho Netto, profesor de Política Cultural da Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo e comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que desta se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.

Inscrición
O ciclo está composto por tres sesións, pero cada unha terá unha inscrición separada. O prazo para anotarse a esta primeira cita xa está aberto e pode formalizarse a través do web da institución.

Outras noticias que te poden interesar: