O Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez convocan dúas bolsas para creación e investigación

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases que rexen a convocatoria do Consello da Cultura Galega de dúas bolsas de estadía durante tres meses na Casa de Velázquez en Madrid. Trátase dun programa de intercambio promovido por ambas entidades coa finalidade de contribuír á proxección da cultura galega no exterior, notablemente no mundo francófono. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 20 de abril.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A convocatoria establece que o Consello da Cultura Galega ofrecerá unha axuda de custo para esa estadía, que se ha de realizar antes do vindeiro mes de novembro; mentres que a Casa de Velázquez se encarga do aloxamento e de poñer a disposición das persoas beneficiarias da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón.

Para ambas as dúas bolsas, a persoa beneficiaria deberá estar en posesión dun título universitario e presentar unha memoria-proxecto. No caso da bolsa de investigación, a proposta ha de pertencer ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono. Para a bolsa de creación (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo ou composición musical), a persoa candidata deberá estar avalada por un responsable dun centro de creación, ou dun museo ou dun conservatorio. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.


Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.

Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”. Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.

Descarga a convocatoria (en .pdf DOG num 54, 19 de marzo de 2015)