----

As políticas culturais abren o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

Coñecer as claves políticas nun novo contexto europeo onde a creatividade e a innovación ocupan un lugar central. Este é o obxectivo da sesión que abre o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020 e que terá lugar mañá martes no Consello da Cultura Galega (CCG). O presidente da institución, Ramón Villares, o coordinador do ciclo, Xosé López, e Rosario Álvarez Blanco, como coordinadora desta primeira sesión, son os encargados de inaugurar esta cita en que destaca a presenza de Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán.

Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e tamén director da candidatura para Siena, capitalidade cultural europea 2019, é consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais. Sacco ofrecerá un relatorio titulado “Un deseño de política cultural dentro da prospectiva da Cultura 3.0”, no que desvelará claves para implicar a cidadanía no deseño de políticas culturais no caso de procurar accións efectivas e duradeiras no tempo. Despois chegará o momento de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, que incidirá no valor da cultura como o pouso dunha expresión colectiva validada de forma permanente. Tomará o exemplo de Santiago de Compostela como cidade que tivo un proxecto cultural propio baseado nos documentos de planeamento e nas políticas culturais no inicio da democracia. Pecha esta sesión o catedrático de Educación en Medios de Comunicación e de Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación na Universidad de Huelva Ignacio Aguaded cun relatorio sobre educomunicación, é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo.

As vindeiras sesións: xestión e mercado
Este ciclo está conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades ante un novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A segunda sesión terá lugar o martes 26 de maio e analizará a xestión cultural. María Xosé Porteiro coordina esta sesión e Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, falará dos novos retos para a xestión cultural. A terceira e última sesión terá lugar o martes 16 de xuño para prestar atención ás industrias e ao mercado. A catedrática Margarita Ledo é a encargada de coordinar esta cita en que destaca a presenza de José Teixeira Coelho Netto, profesor de Política Cultural da Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo e comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que desta se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.

Outras noticias que che poden interesar