NOTICIA

----

Expertos destacan o papel central da cultura na primeira sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

“O valor económico e social da cultura non está só no prezo dos contidos, senón tamén na participación da cidadanía”. Así o manifestou economista cultural Pier Luigi Sacco no marco dunha intervención que abriu a primeira sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020 que organiza o Consello da Cultura Galega. O presidente da institución, Ramón Villares, insistiu na inauguración na necesidade dunha “reflexión sobre a cultura en xeral, e a cultura galega en particular, e o seu valor no deseño das políticas”. O ciclo, coordinado por Xosé López contou tamén coa presenza de Xerardo Estévez e Ignacio Aguaded que reforzaron o valor da cultura nunha política activa marcada pola participación da sociedade.
Expertos destacan o papel central da cultura na primeira sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

A primeira sesión do ciclo estivo enfocada en por de manifesto a importancia da política cultural. No marco desta orientación Pier Luigi Sacco ofreceu unha intervención encamiñada e evidenciar que o valor económico e social da cultura tamén radica na participación do público. Unha consideración que Sacco coñece ben porque é profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán pero tamén consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais. Para Sacco a clave está, a día de hoxe en deseñar políticas que consigan un alto nivel de impacto social e económico. Para el, “só así se conseguirá incluír a cultura nun nivel efectivo nos ámbitos de decisión e facer políticas duradeiras no tempo”.

Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, ofreceu un relatorio que incidiu no valor da cultura “como o pouso dunha expresión colectiva validada de forma permanente”. Tomou como exemplo o proceso de transformación de Santiago de Compostela levado a cabo nos anos oitenta, que se asentou na concepción dos documentos de planeamento como instrumentos culturais. “Se non se consideran desde un punto de vista cultural convértense en meras operacións urbanísticas” alertou. Para el, a clave de futuro está na xestión da cidadanía e na súa implicación no deseño de políticas activas e apelou a “buscar o punto de encontro entre a política institucionalizada e dirixista coa participación da sociedade, cada vez máis creativa e impulsiva”.

A sesión pechou co catedrático de Educación en Medios de Comunicación e de Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación na Universidad de Huelva Ignacio Aguaded que ofreceu un relatorio sobre educomunicación, é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo. “Para poder xestionar a participación da sociedade, cómpre unha cidadanía culta, formada e iso só se consegue con educación” apuntou Aguaded.

As vindeiras sesións: xestión e mercado
Este ciclo está conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades da cultura ante un novo contexto europeo. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A segunda sesión terá lugar o martes 26 de maio e analizará a xestión cultural. María Xosé Porteiro coordina esta sesión e Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, falará dos novos retos para a xestión cultural. A terceira e última sesión terá lugar o martes 16 de xuño para prestar atención ás industrias e ao mercado. A catedrática Margarita Ledo é a encargada de coordinar esta cita en que destaca a presenza de José Teixeira Coelho Netto, profesor de Política Cultural da Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo e comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que desta se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.