NOTICIA

----

Unhas xornadas analizan a dixitalización nas institucións da memoria

Arquivos, bibliotecas e museos son as “institucións da memoria” dun país. As súas diferenzas estiveron sempre claras ata a chegada do contexto dixital, que fixo que se esvaecesen os límites e se abrisen novos retos para os usuarios pero tamén para os profesionais. Sobre eles falarán especialistas e responsables da súa xestión nas xornadas “Converxencia dixital das institucións da memoria”, que o Consello da Cultura Galega organiza os días 6 e 7 de maio. Está aberto o prazo de inscrición e hai cen prazas.

Museo do Prado, Arquivo Histórico Provincial de Huesca, Filmoteca de Cataluña, os museos en rede CERES e BIMUS...son algunhas das entidades que participarán nun encontro encamiñado a dar a coñecer a situación actual no que ten que ver coa selección, adquisición, tratamento, acceso e preservación no tempo do seu patrimonio. Os responsables destes centros explicarán os proxectos de integración e dixitalización que acometeron nos últimos tempos e nos retos de futuro. Gabriel Quiroga, membro do comité científico desta cita, explica que “non é xa unha cuestión de elección, trátase dunha necesidade cara a un coñecemento exponencial de experiencias, temos que pasar da coordinación ou cooperación á colaboración asumindo outros aspectos como o empoderamento, os riscos e os beneficios”.

Internet e a dixitalización: as vantaxes e desvantaxes
“O acceso dixital permite”, para Gabriel Quiroga, “reconstruír virtualmente a unidade do patrimonio cultural, ata agora fragmentada por múltiples localizacións, titularidades e centro”. Pero tamén insiste en que hai ameazas, “os usuarios gañan accesibilidade pero perden o contacto directo cos obxectos culturais, que o son por referencia a algo. Así, estes poden perder tamén o seu significado, moitas veces ligado a un conxunto, a un lugar, a unha institución; e os profesionais corren o risco de perder os sinais de identidade de cada profesión, ligados ás particularidades que presenta o tratamento de cada sector cultural”.

Práctica e teoría
A xornada está enfocada desde un punto de vista práctico, encamiñada a coñecer as experiencias que xa están en marcha e con todo tipo de casuísticas: desde centros que traballan con patrimonio cultural nacido dixital, centros xa existentes que teñen que dixitalizar o seu patrimonio, arquivos municipais ou estatais… No marco do programa, María Carrillo explicará a experiencia das coleccións de museo en rede como son CERES e BIMUS. Javier Docampo Capilla explicará a integración de servizos documentais e difusión web do Museo do Prado entre 2005 e 2015.
Malia o carácter eminentemente práctico e expositivo desta cita, tamén hai espazo para ver reflexións teóricas. Mariam Vieira da Cunha, da Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil, falará das implicacións das mudanzas do mundo dixital no facer dos profesionais da información. Da Facultade de Letras da Universidade do Porto estará María Manuela Pinto, que ofrecerá un relatorio titulado “Da institución á preservación da memoria: a mudanza sobre un novo paradigma”.