----

Os departamentos de Filoloxía Galega alertan sobre a situación do idioma

Os responsables dos departamentos universitarios de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) publican unha declaración conxunta na que amosan a súa preocupación pola situación sociolingüística actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Entre as causas desta situación, sinalan a non aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a aprobación en 2010 do “Decreto do Plurilingüismo”. Por todo isto, instan aos poderes públicos a apostar decididamente pola normalización lingüística, preservando un idioma que nos permite acceder a 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de Internet.