----

O galego tamén entra nos fogares grazas á bolsa da compra

No marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial, as empresas alimentarias Vegalsa-Eroski e Gadisa súmanse un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas, homenaxeando a figura de Xosé Filgueira Valverde. Vegalsa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, elaborou unha edición especial de máis dun millón de bolsas da compra que levan impresos textos do Adral e mais un retrato do autor homenaxeado feito por Antón Pulido. Pola súa parte, Supermercados Gadis celebrará as Letras Galegas distribuíndo entre a súa clientela 20.000 exemplares do recompilatorio inédito "Cantos de berce" e dous millóns de bolsas da compra con información sobre a figura e a obra de Filgueira Valverde.