----

O galego, motivo de orgullo colectivo

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) proponlle á comunidade educativa, e en xeral a toda a cidadanía galega, que presuman de galego todo o ano, difundindo entre as súas amizades unha mensaxe positiva de orgullo lingüístico que transcenda a efeméride puntual do 17 de maio. Con este obxectivo, a CGENDL presenta o vídeo “Presume de galego”, para que cada persoa o comparta con outras 17 o vindeiro 17 de maio, ata facelo viral nas redes sociais.