NOTICIA

----

Alfons Martinell falará da xestión da cultura na segunda sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

“A visión de que todo é cultura e que a cultura está en todo convértese nun conxunto ingobernable desde a teoría e no que hai que integrar numerosos factores” afirma Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación e unha das voces destacadas da sesión que terá lugar o vindeiro martes 26 de maio no Consello da Cultura Galega. Insírese no ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, coordinado por Xosé López, encamiñado a coñecer a relevancia e o papel que desenvolve a cultura perante a Axenda Europa 2020.

O ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020 chega ao seu ecuador cunha sesión centrada na análise da xestión cultural. María Xosé Agra é a coordinadora desta xornada, na que Alfons Martinell ofrecerá unha intervención titulada “Novos retos para a xestión cultural”, na que abordará a necesidade de que a xestión cultural e as políticas culturais integren a cidadanía, teñan en conta as súas relacións e interdependencias coa educación, a comunicación, o transporte… E outros ámbitos. Na súa opinión, cómpre romper con mitos como a cultura de infraestruturas grandes e “colosalismos culturais”, que dean paso a unhas prácticas culturais que establezan relacións co ámbito privado, coa sociedade civil e co mercado. Neste día intervirán tamén João B. Serra, profesor do Politécnico de Leiria e presidente da Fundação Cidade de Guimarães, Capital Europeia da Cultura Guimarães 2012; xunto con Teresa Albuquerque, da Fundação Casa Mateus; e o economista e consultor cultural Marcos Lorenzo.

A perspectiva económica pechará o ciclo
Este ciclo está conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades ante un novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A terceira e última sesión terá lugar o martes 16 de xuño para prestar atención ás industrias e ao mercado. A catedrática Margarita Ledo é a encargada de coordinar esta cita en que destaca a presenza de José Teixeira Coelho Netto, profesor de Política Cultural da Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo e comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015.

A primeira sesión centrouse nas políticas culturais
A primeira cita tivo lugar o pasado 23 de marzo, nela Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais, centrouse na necesidade de implicar a cidadanía no deseño de políticas culturais no caso de procurar accións efectivas e duradeiras no tempo. O seu relatorio veu acompañado da participación de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, quen destacou o peso da cultura nas decisións políticas. Ignacio Aguaded participou cun relatorio sobre educomunicación, é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.