----

O Consello da Cultura Galega recibe a doazón de documentación de Ramón Iglesia Parga

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, recibiu esta mañá documentación de Ramón Iglesia Parga (Santiago de Compostela, 1905- Madison, Wisconsin, 1948), unha das figura destacadas da historiografía colonial americana da xeración do 27, entregado polo seu neto, Pablo San Juan Iglesia. O material está composto principalmente fichas bibliográficas deste descoñecido pero interesante historiador e bibliotecario antes do seu exilio americano en 1938.
O Consello da Cultura Galega recibe a doazón de documentación de Ramón Iglesia Parga

Ramón Iglesia Parga naceu en Compostela, o 3 de xuño de 1905, estudou o bacharelato no Instituto da Coruña. De alí trasladouse a Madrid, onde ingresou na Facultade de Filosofía e Letras, na que tivo como profesores a Ortega y Gasset, Menéndez Pidal ou García Morente. Foi lector de Español na Universidade de Gotemburgo, estivo en Berlín e noutras cidades europeas. Regresou a Madrid en 1931 para ingresar, por oposición, no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Formou parte do Centro de Estudos Históricos, dependente da Xunta para Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, onde chegou a dirixir a Sección HIspanoamericana, fundada en 1933 por Américo Castro.
En 1938, Iglesia é un dos españois que pasa a Francia fuxindo da represión franquista. Un ano máis tarde, a través do Servizo de Evacuación dos Republicanos Españois (SERE), forma parte das primeiras comitivas de españois que se trasladan a México. A acollida das institución mexicanas aos intelectuais españois traduciuse na creación da Casa de España, que comeza a andar o 1 de xullo de 1938, e Ramón Iglesia Parga foi un dos primeiros seis bolseiros que se incorporaron á institución.

O seu concepto da historia aseméllase ao perspectivismo filosófico de quen fora un dos seus mestres, Ortega y Gasset, de xeito tal que defendeu que a observación da realidade histórica estaba condicionada a unha perspectiva ou circunstancia. Nunhas conferencias pronunciadas en México, sostivo que "a historia non pode ser unha ciencia xeneralizadora, descubridora de leis válidas para o maior número posible de fenómenos. A historia, baseándose no coñecemento do pasado, non pode establecer leis que permitan coñecer o porvir". Tamén desbota o mito da imparcialidade.
A maior parte da súa obra está realizada en México, onde publicou en revistas españolas do exilio e en revistas mexicanas. Alí foi profesor de universidade e tamén no Colexio de México. E entre 1941 e 1946, realizou fondas investigacións, edicións críticas e publicacións sobre recoñecidas figuras históricas como Hernán Cortes, Cristóbal Colón ou Díaz del Castilo.

O seu coñecemento de idiomas, a súa formación académica e investigadora e a súa dedicación en México convertérono nun reputado historiador que, en 1941, foi nomeado profesor convidado na Universidade de Berkeley. O seu último destino foi a Universidade de Wisconsin, estado no que morreu en maio de 1948, cando ía cumprir 43 anos.