----

As cifras do Observatorio da Cultura destacan unha situación positiva para o libro en Galicia

A edición de libros en Galicia presenta indicadores á alza en diferentes ámbitos: en 2014 editáronse 383 libros máis que o ano anterior, medra o número de editores, aumenta o número de títulos en galego e tamén da edición dixital. A cara negativa chega da man das cifras de tradución do galego e para o galego, que rexistran notorias baixadas. Son algunhas variables que recolle o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) que, co título “O libro e a edición en Galicia”, recolle datos estatísticos sobre esta realidade así como do sector empresarial e do mercado laboral.

O libro é un obxecto fundamental para a cultura pero está a sufrir amplas transformacións tanto no seu formato como no proceso de edición que teñen implicacións para o sistema cultural. Así o afirma o Observatorio da Cultura Galega no seu último documento de traballo (DT-OCG) que analiza este sector.

As cifras do libro
Segundo datos do ISBN, editáronse 383 libros máis que en 2013 e sitúase, en termos absolutos, en niveles de 2004. Estas cifras fan que mellore a posición de Galicia no conxunto de España con respecto a esta materia e se sitúe agora no sexto lugar, detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía, a Comunidade Valenciana e o País Vasco. Esa tendencia positiva do libro en papel tamén se traslada ao libro dixital, que aumentou 10 puntos con respecto a 2013, xustificada polo incremento da edición electrónica.

Edición en galego
O Observatorio da Cultura Galega constata unha mellora na edición en galego que medra un 23% ao pasar dos 1 426 libros de 2013 a 1 763 de 2014. Con todo, os número están moi por debaixo dos 2 544 que se editaron en 2010. Ademais, a cifra total de libros publicados en galego supón un 61,3% do total de libros con ISBN publicados en Galicia en 2014.
Este Documento de Traballo tamén analiza os datos do libro en función da materia. O ámbito do ensino centra a maior parte deles, aínda que descendeu dos 774 de 2009 aos 408 de 2013. Con respecto á edición de libros de literatura, en 2013 publicáronse 33 títulos en galego máis ca en 2012.

Por xéneros, a creación literaria ocupa un lugar importante no conxunto da edición, seguido polos libros de texto e as obras dirixidas a un público infantil e xuvenil.

As traducións do galego a outras linguas e viceversa
A cara negativa destas cifras chega da man da tradución tanto do galego cara a outras linguas como ao revés. No primeiro caso, a situación da edición continúa nunha tendencia á baixa. Os signos de recuperación de 2013, cando se publicaron 15 títulos máis que en 2012, tórnanse negativos ao volver rexistrar un novo descenso de case 10 títulos.

No tocante á tradución para o galego, o DT contabiliza unha mingua importante. Hoxe en día tradúcese nun 69,5% menos con respecto a 2010. Por linguas, a máis traducida é o castelán, seguida do inglés.

Pontevedra e A Coruña seguen a ser as provincias que concentran a edición de libros galegos e, fóra de Galicia, os núcleos sitúanse en Madrid e Barcelona.

Por último, existe unha maior edición en papel (o 73,6% dos libros edítase neste formato) e que está dominada pola empresa privada (o 91,9% dos libros editados en Galicia provén de empresas privadas fronte ao 8,1% da empresa pública).

Ámbito empresarial e mercado laboral
O Documento de Traballo destina un apartado a analizar a actividade empresarial e o mercado laboral, que rexistra datos positivos. Nos últimos seis anos creáronse seis novas empresas. E entre 2014 e 2015 contabilizáronse case duascentas novas afiliacións ás principais ramas económicas relacionadas con estas actividades. Pola contra, as exportacións de produtos editoriais e derivados descenderon en 2014 e sitúanse por debaixo dos tres millóns de euros, barreira que non traspasaran desde 2009.

Fonte dos datos
Para a elaboración deste estudo, o Observatorio nútrese dos datos achegados polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (Estadística de la edición española de libros con ISBN e Panorámica de la edición española de libros). Tamén se toman algúns indicadores da Estadística de la producción editorial de libros do Instituto Nacional de Estadística. A información relativa ao ámbito laboral extraeuse do Instituto Galego das Cualificacións e do Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Para os movementos empresariais acudiuse ao Directorio Central de Empresas.


Consulta o Documento de Traballo