O Consello da Cultura dedica unha xornada a analizar a comunicación cultural

“Cultura e comunicación na Europa do século XXI” é o título da xornada que abrirá o vindeiro 21 de setembro a programación do Consello da Cultura Galega para o último cuadrimestre do ano. Responsables de publicacións de ámbito cultural xunto con docentes e responsables de centros culturais estarán presentes para repensar o papel da cultura nos novos escenarios da industria cultural e da comunicación ao descubrir as oportunidades e dificultades de emprender neste ámbito. A cita, de carácter aberto, xa ten aberto o prazo de inscrición a través do web do Consello da Cultura Galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Xosé López, Xosé Rúas e Manuel Gago son os coordinadores dun encontro que pretende poñer sobre a mesa as políticas de comunicación, o papel da cidadanía, a creatividade cultural en tempos de crise económica e as relacións, moitas veces difíciles, entre o xornalismo e a industria cultural; así como as posibilidades de emprendemento comunicativo en materia cultural e o papel das institucións na difusión e na comunicación cultural. Aínda que está aberta a todos os públicos, está especialmente orientada a profesionais da comunicación, da xestión cultural e da difusión da cultura co obxectivo de que se acheguen ideas e debates que permitan mellorar e enriquecer a comunicación cultural.

O programa
A xornada “Cultura e comunicación na Europa do século XXI” desenvolverase o vindeiro 21 de setembro en horario de mañá e tarde. A sesión da mañá centrarase na transformación que as novas tecnoloxías permiten para a difusión cultural. Carlo Sorrentino, profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais e Comunicación, da Università di Firenze, analizará a influencia de Internet na definición da nosa identidade cultural. O catedrático de xornalismo Víctor Sampedro falará de cidadanía, mareas, e cultura cun relatorio titulado “O cuarto poder na rede”. Completa o programa matutino Marty McCarthy, que dará a perspectiva da difusión cultural dun centro como é a National Sculpture Factory de Cork.
A sesión da tarde terá un carácter máis práctico e nela responsables de publicacións ofrecerannos o seu punto de vista sobre a situación actual. Blanca Berasátegui, directora de El Cultural, é unha das profesionais con máis perspectiva para comprender a evolución da cultura en España nos últimos vinte anos. Na mesa de Experiencias de comunicación cultural estará Carles A. Foguet, un dos fundadores dunha das revistas culturais de máis éxito dos últimos anos como é Jot Down, e Marta Peirano, responsable de cultura de eldiario.es e unha auténtica veterana no ámbito da dixitalización, open access, creative commons e cultura. O programa complétase cunha mesa redonda sobre A comunicación desde os centros e entidades culturais.

Unha preocupación pola comunicación cultural
O Consello da Cultura Galega (CCG) presta atención ás transformacións sociais e tecnolóxicas que se aplican á cultura e ás súas dimensións económicas, artísticas, sociais e lúdicas. Como exemplo, neste 2015 desenvolveu unha xornada titulada “Xogar coa cultura”, na que analizou a potencialidade dos xogos para a educación, a divulgación, o desenvolvemento persoal e cultural, entre outras facetas. Pero hai moitas máis mostras desta atención periódica do CCG nestas cuestións como foron as citas “A mediación cultural en Internet” (2014), “A memoria dixital nos procesos de divulgación cultural” (2010) ou “Comunicar cultura” (2010).

Outras noticias que te poden interesar: