Os XVII Encontros para a Normalización centraranse no uso da lingua pola mocidade e a infancia

Os Encontros para a normalización lingüística son unha cita de referencia para coñecer e debater a situación da lingua do país. A súa XVII edición atenderá este ano aos máis novos. Durante dous días exporanse estudos que axudarán a coñecer cales son as actitudes e as razóns polas que unha parte da mocidade non usa o galego, así como iniciativas públicas e privadas destinadas a fomentar a lingua nestas idades. Os Encontros, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), desenvolveranse entre o 15 e o 16 de outubro e a inscrición pódese facer a través da páxina web da institución.

“Nesta edición permanece o carácter de ser lugar de encontro e intercambio de experiencias, agora centrado nas motivacións e estímulos do uso da lingua polos máis novos” indica Rosario Álvarez, coordinadora desta edición e vicepresidenta do Consello da Cultura Galega. A cita xuntará durante dous días a sociolingüistas, técnicos pola normalización e creadores para falar dos dilemas que presenta a situación sociolingüística actual.
Medición e análise dos uso da lingua
Convencidos de que para deseñar estratexias de normalización para os máis novos cómpre coñecer previamente esa realidade, unha parte do programa está destinada a expor traballos de pesquisa e análises de datos sobre o uso do galego por parte das xeracións máis novas. Mediranse cuestións como a súa contorna, a influencia das novas políticas educativas ou mesmo cal é a autopercepción actual dos falantes. Para iso estarán Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, que falará do estudo e análise da situación do galego, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, quen ofrecerá os primeiros avances do inquérito sobre o comportamento lingüístico da mocidade galega, realizado cunha metodoloxía que nunca se empregara antes en Galicia.

Transmisión interxeracional
A cita quere dedicar atención especial ao contexto familiar, á transmisión de pais a fillos, que xoga un papel clave no uso dun idioma. Para iso, expoñeranse sobre a mesa todas a iniciativas relacionadas con este tema chegadas de distintos ámbitos: no académico, o bengalí Anik Nandi, doutorando da Heriot-Watt University de Edimburgo, ofrecerá un relatorio titulado “Resistencia desde abaixo. O papel das micropolíticas lingüísticas nas familias galegas”; no cultural, Paz Castro e Inacio Vilariño exporán os casos de Kalandraka e de Fantoches Baj; e no publicitario, publicistas e investigadores revisarán as campañas de comunicación desenvolvidas a prol do galego.

Planificación lingüística de proximidade
O último aspecto ao que atenderán os Encontros céntrase en ver que se pode facer desde un ámbito local, nesa necesaria colaboración e coordinación para optimizar gastos e esforzos e para ser máis eficaces. Nesta liña, técnicos e responsables da normalización lingüística de concellos como os de Vigo ou Santiago explicarán as súas experiencias, canda especialistas doutros contextos como o universitario ou as deputacións provinciais. Completa esta visión o politólogo Xaime Subiela, quen ofrecerá un relatorio titulado “A promoción do galego desde o ámbito supramunicipal”.
Por último, seguindo o espírito inicial desta proposta de crear un espazo de comunicación, contraste, reflexión e debate sobre asuntos ao redor da situación da lingua, nesta edición dos Encontros estenderase este carácter participativo a todas as persoas e colectivos implicados na normalización do idioma creando varios grupos virtuais de traballo en Facebook cuxa actividade, aproveitamento e conclusións se integrara na primeira sesión do programa.

Outras noticias que che poden interesar