Os retos do xornalismo cultural no contexto actual centraron a xornada do Consello da Cultura

A divulgación de propostas de museos como o do Prado, iniciativas coñecidas como Jot Down ou eldiario.es xunto co traballo consolidado de El Cultural puxeron o punto final a unha xornada encamiñada a coñecer como comunicar cultura no contexto actual, marcado pola mediación tecnolóxica, a crise e a transformación das identidades. A cita chamábase “Cultura e comunicación na Europa do século XXI” desenvolveuse ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega e foi coordinada por Xosé López, Xosé Rúas e Manuel Gago.

Unha cidadanía moito máis activa, unha sociedade interconectada, un xornalista que está a transformar o seu papel e unha evolución da tecnoloxía. Son algunhas das características que ten a comunicación cultural a día de hoxe e que se foron analizando por xornalistas, sociólogos e expertos. A xornada estaba centrada en coñecer experiencias emprendedoras neste ámbito e como difundir a información cultural dun xeito máis efectivo.

Un primeiro achegamento desde a teoría
A sesión da mañá estaba concibida como un espazo de reflexión con tres perspectivas que analizaban o impacto das redes na comunicación cultural. O primeiro en facelo foi Carlo Sorrentino, profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais e Comunicación, da Università di Firenze, quen puxo sobre a mesa como a rede muda o concepto de esfera pública que pasa a xerar unhas identidades máis diversificadas e individualizadas. Segundo Sorrentino a día de hoxe importa a visibilidade e, nese contexto, o xornalismo transformou o seu papel ao apareceren tamén outros “recipientes” que nos axudan a crear novas narrativas sobre a realidade. Continuo o fío do seu discurso o catedrático de xornalismo Víctor Sampedro cun relatorio titulado “O cuarto poder na rede” no que reivindicou unha cultura libre, aberta e participativa. Nela, “un xornalista debe diferenciarse dun community manager, ser insobornable e dar a información de xeito aberto” apuntou Sampedro. A sesión da mañá completouse co relatorio de Mary McCarthy, directora da National Sculpture Factory que falou desde un punto de vista creativo da divulgación do centro que dirixe cun relatorio titulado Arts activity in a time of national crisis. An Irish perspective.
Unha preocupación desde o punto de vista práctico

A sesión da tarde tivo un carácter práctico e nela responsables de publicacións de ámbito cultural expuxeron en primeira persoa a súa situación. Blanca Berasátegui, directora de El Cultural, afirmou que a obriga dun xornalista cultural pasaba por diferenciar entre difusión e calidade e a así como axudar a xerarquizar e instruír a cidadanía. Foron Carles A. Foguet, un dos fundadores dunha das revistas culturais de máis éxito dos últimos tempos como é Jot Down, e Marta Peirano, responsable de cultura de eldiario.es e que completaron as experiencias prácticas. Para Peirano “o noso traballo non é criticar, senón ofrecer ferramentas para a xente saiba comprender a realidade”, mentres que para Foguet falou da evolución desta plataforma que naceu como un magazine e que se converteu nunha empresa de comunicación e difusión cultural. Os tres puxeron sobre a mesa a importancia de monetarizar e capitalizar a cultura. “Hai que pagar ao creador, as ideas teñen dono e ese capital e esa rentabilidade dá liberdade e independencia ao traballo” apuntou Blanca Berasátegui.

Un pouco antes, Raquel Martínez, profesora da Universidad de Valladolid e Javier Pantoja, xefe da Área de Desenvolvemento Dixital do Museo Nacional del Prado explicaron a importancia de comunicación desde os centros e institucións culturais. Para Martínez os museos están empezando timidamente a abrirse ás redes sociais e, no caso dos centros de arte contemporáneo, co obxectivo de converter o público virtual en presencial. Javier Pantoja explicou que no caso do Museo do Prado, un centro con traxectoria e amplamente coñecido, a súa estratexia de comunicación está pensada para aumentar o potencial da rede social.

A xornada no seu contexto
O Consello da Cultura Galega (CCG) presta atención ás transformacións sociais e tecnolóxicas que se aplican á cultura e ás súas dimensións económicas, artísticas, sociais e lúdicas. Xornadas como a de hoxe comezaron prestando atención aos formatos que se facían en Galicia para ir abrindo o foco a coñecer experiencias e debates con miradas externas. Hai máis mostras desta atención periódica do CCG a estas cuestións como foron as citas “A mediación cultural en Internet” (2014) ou “A memoria dixital nos procesos de divulgación cultural” (2010)

Outras noticias que che poden interesar