NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega participa na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) en Turín

“Europa e as migracións no terceiro milenio” é o título da xuntanza anual da Asociación Europa de Institucións Migratoria (AEMI) que se desenvolve ata o sábado en Turín, Italia. Nesta cita estará presente o Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio que ofrecerá unha visión das novas mobilidades de migración en Galicia.

É unha cita pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións. Nesta ocasión, céntrase nas migracións do terceiro milenio, moi presentes actualmente a través das crises políticas e as restricións ao movemento de persoas. Sobre o contexto máis actual pero axustado ao caso galego falará Emilia García López, en representación do Arquivo de Emigración, cun relatorio titulado “Novas mobilidades migratorios en Galicia (2010-2014)”. Nel pretende dar conta das diferentes casuísticas que se dan hoxe en día: o galego que busca un traballo no estranxeiro, os fillos de emigrantes galegos que veñen a Galicia na procura dunhas mellores condicións de vida, os propios emigrantes retornados, canda a estudantes doutros países.

A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Cada xuntanza desenvólvese nunha localidade diferente e xira arredor dun tema sobre o que os diferentes membros propoñen comunicacións.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.

En paralelo, o Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións como a London School of Economics, e tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.

Ligazón da xuntanza