NOTICIA

----

Profesionais reflexionan no Consello da Cultura sobre a situación actual do coleccionismo

O coleccionismo de arte en España, a pesar de ser unha parte fundamental do sistema artístico, caracterízase pola súa fraxilidade e a súa falta de tradición. Nas xornadas “Arte+Coleccionismo”, o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas”, pretende reflexionar sobre esta realidade atendendo ao seu presente pero tamén aos seus retos de futuro. Responsables de entidades como o Museo Thyssen ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas (Pilar Citoler e José Blanco, entre outros) atenderán ao momento complexo que vive o coleccionismo. A cita desenvolverase en Santiago os días 4 e 5 de novembro e acaba de abrir o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da web da institución.

Hai unha serie de factores que converten o momento actual nunha situación importante para o coleccionismo: unha fiscalidade adversa e a falta dun marco xurídico que regule o mecenado. Estas e outras cuestións de interese están recollidas nas seis seccións dun programa dirixido por Marisa Sobrino e coordinado por Rosario Sarmiento e Natalia Poncela que pretende reflexionar sobre estas cuestións. Dous días en que distintos profesionais que desenvolven o traballo en coleccións privadas e públicas, en feiras ou galerías de arte achegarán os seus puntos de vista para enriquecer unha reflexión sobre a situación actual e a apertura de novos horizontes.

Primeiro día: situación do coleccionismo
A primeira xornada está pensada para coñecer en profundidade a situación e perspectivas do coleccionismo en España, tanto desde o punto de vista institucional, como do coleccionimo público e privado. Destacan as conferencias de José María Luna, director de equipamentos museísticos e culturais de Málaga, cidade que conseguiu atraer grandes centros, como é o caso do Hermitage, o Museo Estatal Ruso, que abriu alí a súa primeira filial en España; e a de Evelio Acevedo, director xerente do Museo Thyssen e que ofrece un relatorio titulado “Coleccionismo. Por amor á arte?”. Abre esta sesión Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo, entidade que naceu coa finalidade de estimular e divulgar o coleccionismo de arte en España e fomentar o mecenado cultural. As conferencias complétanse con debates en que participarán outros expertos como Alfonso de La Torre, conservador da colección Circa; Enrique Moral Sandoval, director da Fundación AENA; e Cristina Fontaneda, directora do Museo Patio Herreriano.

Segundo día: entre a paixón e o mercado
A segunda xornada dará voz a coleccionistas, galeristas e mediadores na estrutura do sistema artístico que permitirán comprender outro punto de vista sobre a realidade. Abre esta sesión Gabriel Pérez-Barreiro, director e comisario xefe dunha das coleccións máis destacadas de América Latina e un exemplo en canto a innovación, creatividade e educación na arte contemporánea, como é a colección Patricia Phelps de Cisneros. Canda el, estará Pilar Citoler unha das referencias do coleccionismo e unha apaixonada da arte contemporánea que configurou unha das coleccións (Circa XX) máis relevantes do conxunto estatal. As conferencias destas segunda sesión péchanse con Carlos Urroz, director de ARCOmadrid, a feira de arte contemporáneo máis relevante de España. Esta xornada complétase coas experiencias do coleccionista galego José Blanco, que ofrecerá un punto de vista persoal á hora de configurar unha colección desde Galicia, xunto coa xestora cultural Rosario Sarmiento e o galerista Guillermo de Osma, que falarán da profesionalidade e da dinamización nunha relación de mediación dentro do sistema.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Está coordinada por Marisa Sobrino e integrada por artistas, críticos e xornalistas como Natalia Poncela, Chus Martínez, Camilo Franco, Miguel Anxo Prado, Federico López Silvestre e Almudena Fernández Fariña. Entre as súas actividades destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos actualizada, un directorio e centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Proximamente presentarán Arte+mulleres. Creadoras galegas unha análise centrada na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013.