O Consello da Cultura Galega achégase á figura da retratista Mary Quintero cunha xornada

Os retratos que fixo no seu estudo permiten trazar a crónica dunha época das cidades de Lugo e de Vigo. Chámase Mary Quintero (Melide, 1931) e é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. O seu traballo e a súa traxectoria centran a xornada A luz que alumea a vida, que lle dedica a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega o vindeiro 29 de outubro. Profesionais dos medios de comunicación, da fotografía e do mundo da imaxe contextualizarán o seu traballo nunha sesión que servirá tamén de homenaxe. Un dos momentos máis destacados será o percorrido vital e profesional que Quintero realizará a través das súas obras nunha exposición montada para a ocasión. A inscrición é gratuíta e pódese facer a través da páxina web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Encarna Otero e María Xosé Porteiro son as coordinadoras dunha xornada que pretende visibilizar e, ao mesmo tempo, homenaxear o legado dunha das primeira profesionais da fotografía que se iniciou no mundo da imaxe moi nova. “Pretendemos destacar o seu traballo como fotógrafa retratista, sempre preocupada pola iluminación e pola innovación, pero tamén polo seu carácter emprendedor, que chegou a ter un negocio cunha ducia de empregados” explica Encarna Otero. Ademais, os seus retratos serven de testemuño de vidas, persoas, épocas e mudanzas do Vigo da segunda metade do século XX.

O programa: do pasado ao presente
A xornada ten tamén outro interese, que é o de servir de espazo de coñecemento, de reflexión e de debate, para, dándolles visibilidade a mulleres, moitas delas pioneiras, que traballaron na fotografía, analizar e descubrir os retos e dificultades das profesionais da imaxe nos seus traballos e que se aprecia na sesión científica que terá lugar na mañá do 29. A súa filla Marta abre os relatorios cunha intervención orientada a situar o traballo persoal e profesional desta creadora. Deseguido, a xornalista Carme Vidal moderará unha mesa en que participan a fotógrafa e investigadora Natalia González Devesa, a reporteira gráfica Nerea Paños, a artista e realizadora experimental Xisela Franco e a fotógrafa Rosa Figueroa. “Isto sérvenos de posta en común dos retos que tiveron mulleres como Mary Quintero pero que seguen a permanecer nas mulleres que traballan nesta área a día de hoxe e que, ou teñen que emigrar, ou son pouco coñecidas e menos aínda recoñecidas” asegura Encarna Otero.

A sesión da tarde arrinca coa participación de Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, quen ofrecerá unha cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta que se publica no Álbum de mulleres) con información exhaustiva de Quintero. Posteriormente terá lugar unha mesa de reflexión e debate que presenta Xosé López García, e na que interveñen Vitor Vaqueiro Foxo, Roberto Quintero e María Mercedes Vega. Os relatorios da xornada conclúen coa conversa que manterá a xornalista e escritora Ana Guantes coa propia Mary Quintero, que lle permitirá poñer voz aos seus retratos e coñecer en primeira persoa o seu legado. Despois, a propia artista fará un percorrido comentado a través de fotografías, materiais e documentos que conforman unha pequena exposición.

A imaxe en Mary Quintero
Naceu entre fotografías xa que os seus pais tiñan un estudo fotográfico en Melide, o que lle permitiu coñecer a técnica desde moi nova. Con todo, non foi unha autodidacta; tras rematar os seus estudos de bacharelato trasladouse a Madrid para se formar con Pedro Jaraba e co pintor Carlos Pascual de Lara cos que perfecciona o debuxo, pero tamén a súa preocupación constante pola luz. Desa aprendizaxe xestouse a exposición “Nuevos horizontes de la fotografía”, que inaugura no Círculo das Artes de Lugo en 1948. Tiña 17 anos e esa mostra ábrelle a porta de numerosos encargos da alta sociedade, dentro e fóra de Lugo.

O seu traballo comeza a ter sona rapidamente e multiplícanselle os encargos de retratos sen que descoide a súa continuada formación nas novas técnicas fotográficas. Participa en xornadas, convencións e recibe numerosos galardóns, entre eles un premio Kodak, grazas ao que viaxa por Rochester, Chicago e Miami.
A finais dos oitenta, realiza as fotografías dos carteis publicitarios de candidatos á presidencia da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne e Xosé Manuel Beiras Torrado, entre outros políticos. Desta época destaca, entre os seus traballos profesionais, a campaña publicitaria que fixo para as liñas aéreas AVIACO.

Con setenta anos xubílase e deixa a súa filla María á fronte do negocio familiar. Non supón unha ruptura coa súa traxectoria, xa que continúa asistindo a seminarios e conferencias. Tamén continúa recibindo premios e recoñecementos, entre eles a Medalla de Bronce de Galicia no ano 2002 e a Medalla de Ouro da Comunitat Valenciana.

Outras noticias que te poden interesar: