NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega dedica un ciclo a analizar os populismos

Alberto Fujimori, Hugo Chávez, Sarah Palin, Pablo Iglesias e os partidos Vlaams Belang ou o Front Nacional comparten o denominador común de ser etiquetados comunmente como populismo. O uso e abuso deste termo político centra o vindeiro ciclo do Consello da Cultura Galega. Baixo o título “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, está coordinado polo profesor Ramón Máiz e consta de catro sesións. Entre todas elas preténdese reflexionar sobre o concepto con enfoques diferentes. A cita ábrese o vindeiro mércores 28 de outubro cunha conferencia de Iván Llamazares sobre os populismos en Europa.

Son moitas as incógnitas ás que pretende atender este seminario monográfico: existe un “pobo”, unha “gran maioría”, unha “xente” contra unha “elite”, un “stablishment” ou unha “casta”? É o populismo un discurso ou enxerga un tipo de mobilización, un determinado formato organizativo, unha estratexia específica, un modelo carismático de liderado? Cal é a relación entre o populismo e o nacionalismo, a democracia, a xenofobia, o autoritarismo ou o tradicionalismo? Son preguntas que agroman co novo rexurdir dos populismos en Europa e América e que están de vixente actualidade. A elas atende este ciclo que se desenvolve entre o 28 de outubro e o 11 de novembro e segue o formato de conferencia seguida dun debate.

O programa
A primeira cita arrinca o vindeiro mércores 28 de outubro, cando Iván Llamazares, catedrático da Universidade de Salamanca, ofreza un relatorio titulado "Os novos populismos en Europa: núcleo discursivo, variantes ideolóxicas e factores de xurdimento”.
A seguinte sesión é o venres 6 de novembro co relatorio "Populismo, identidade e identificación" de Francisco Panizza, profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science. A semana seguinte haberá unha dobre sesión: o martes, 10 de novembro, Carlos de la Torre, profesor de Socioloxía e director do International Studies, University of Kentucky (Lexington), abordará o populismo radical, que sitúa entre as promesas de democratización e o autoritarismo; e, un día despois, José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, focalizará o populismo en España.

Sección de Pensamento e Sociedade
Ramón Máiz é o coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade. Desta sección depende O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que está en marcha desde 2007. O ciclo trata os debates e investigacións máis recentes sobre as nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.