NOTICIA

----

O Consello da Cultura celebra en Vilanova de Arousa o nacemento de Valle-Inclán cunha mostra que recolle a repercusión internacional

Este mércores cúmprense 149 anos do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega celebra coa inauguración da exposición “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]”, que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. Será en Vilanova de Arousa, na súa Casa-Museo, onde estará o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria desta mostra, Rosario Mascato.

A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán e que permiten ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia e, despois, en Italia e en Rusia”.

A exposición, que estará aberta ata o 10 de decembro, ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo. Así mesmo, recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.

“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia) e, tamén, cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.
A exposición insírese dentro dun programa de actividades máis amplo que comezou o pasado 16 de outubro coa presentación de adquisición e doazóns realizadas á Casa-Museo, e que inclúen varias visitas guiadas, concertos, lecturas dramatizadas, unha ofrenda floral e mais a presentación de libros.

Unha exposición en itinerancia
A exposición, inaugurada no Claustro Alto do Pazo de Fonseca hai dous anos, fai recalada en Vilanova logo de estar na Academia de España en Roma, na sede do Instituto Cervantes de Lisboa e na Residencia de Estudiantes de Madrid. Despois de Vilanova de Arousa, a exposición vai estar na Pobra do Caramiñal.